Fotografías de Xapón, EEUU e Pontevedra axudan a tomar conciencia na Sala X
Por Redacción
A Sala X da facultade de Belas Artes acolle a partir deste xoves a primeira exposición individual do fotógrafo nacido en Holanda David Peetermans, Becoming Consciousness (volvendo á conciencia), un conxunto de 32 fotografías que tomou durante o ano que dedicou a percorrer os Estados Unidos, nunha estadía no Xapón ou nos anos nos que viviu en Galicia e en Pontevedra en particular.
A coordinadora da sala de exposicións do campus, Silvia García, explica que a exposición propón "miradas sobre o mundo, coas que identificarnos, ou non", con fotografías que "falan da maneira na que nos relacionamos co mundo, da mirada sobre as persoas". Nesta mesma liña, o autor explicou que a súa relación coa fotografía e a súa vida persoal van moi enlazadas e que grazas á fotografía deuse conta de como é.
David Peetermans, nacido en Holanda e residente en Francia, volve con este traballo a Pontevedra, cidade na que viviu anos atrás para estudar na Facultade de Belas Artes. A exposición é resultado dunha serie de conversas sobre fotografía que mantivo a través de internet con Silvia García.
Peetermans pasou a maior parte da súa infancia e a súa adolescencia nos Estados Unidos e viviu posteriormente 18 anos en Galicia e amosou a súa satisfacción por facer en Pontevedra a súa primeira exposición.
En Pontevedra descubriu o libro The Americans, de Robert Frank, "unha obra coa que me identifiquei moito e que espertou en min a necesidade de crear". A obra do fotógrafo americano foi un dos "momentos transcendentes" que o levaron a mergullarse na fotografía. O outro foi o falecemento de seu pai, "do que herdei a súa cámara". Becoming Consciousness preséntase precisamente cunha foto de seu pai á entrada da Sala X.
A exposición presenta 32 imaxes do seu percorrido vital e profesional, xunto cunha proxección en vídeo doutras 50 fotografías. Por unha banda, Peetermans presenta unha serie de imaxes recuperadas da súa etapa en Pontevedra, xunto con outra serie xurdida dunha viaxe a Xapón, motivada polo seu interese polo fotógrafo Daidō Moriyama. Complétase, na parede central, cunha serie de imaxes extraídas do percorrido que, ao longo dun ano, realizou polos Estados Unidos.