O ciclo 'Voces Rotas' despidese con 'The Florida Project' e 'Vivir' dá comezo ao novembro do Cineclube
Por Enrique Morales
Derradeira dobre cita cinéfila, ao menos durante algún tempo, na capital pontevedresa. Este vindeiro martes 5 de novembro o ciclo 'Voces Rotas', organizado por Afundación, e no que se puideron ver películas que visibilizan diferentes problemas sociais, organiza o seu derradeiro pase coa proxección de 'The Florida Project', de Sean Baker. Á súa vez, o Cineclube de Pontevedra dará comezo á súa programación para o mes de novembro, dedicada ás figuras dos cineastas Akira Kurosawa e Jafar Panahi, coa proxección de 'Vivir', do director xaponés.
O arrabalde de Disney World, en Florida, é unha paisaxe composta por grandes e coloridos hoteis que funcionan como unha opción máis económica para os visitantes, pero tamén como fogar de moitas familias que tratan de sobrevivir con poucos ingresos. En 'The Florida Project' seguimos o día a día de Moone, unha nena de seis anos que vive nun deses excéntrico lugares, allea ao precario da súa realidade. Unha cinta que conta con Willem Dafoe no seu reparto, e que lle supuxo unha nominación ao Oscar como mellor actor secundario. A proxección realizarase ás 19.00 na sede de Afundación, con entrada de balde ata completat aforo.
Algo máis tarde, ás 20.30 no Teatro Principal, o Cineclube de Pontevedra dará comezo a súa programación para o mes de novembro con 'Vivir' de Akira Kurosawa. Será una proxección en versión orixinal con subtítulos cunha entrada cun prezo de dous euros. Kurosawa, un dos directores máis emblemáticos do cine xaponés, e que recibiu en 1990 un Oscar honorífico pola súa carreira, plantéxanos nesta cinta unha reflexión sobre o tempo e a vida a través da historia dun funcionario ao que lle es diagnosticada unha enfermidade mortal.
Ficha:
Título: The Florida Project
Director: Sean Baker
Ano: 2017
País: Estados Unidos
Duración: 111 min.
Ficha:
Título: 'Vivir' (Ikiru)
Director: Akira Kurosawa
Ano: 1952
País: Xapón
Duración: 143 min.