Todo a punto para o XV Curso Internacional de Cerámica de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Pazo de Cultura desta cidade acollerá entre o 15 e o 20 de xullo a décimo quinta edición do "Curso Internacional de Cerámica de Pontevedra".
Unha cita esperada e desexada no calendario dos artistas da cerámica que organiza un ano máis, Xela Area.
Nesta ocasión os artistas invitados son María Bofill e Miguel Molet que se sumarán aos nomes doutros insignes participantes ao longo dos últimos anos, entre os que se encontran algúns dos máis grandes ceramistas do século XX, como son os estadounidenses Val Cushing, Adrian Saxe, Ken Ferguson ou o recentemente falecido Paul Soldner; Setsuko Nagasawa, de Xapón; Antón Reijdners, de Holanda, ou Jacques Kauffman, de Suíza, entre outros moitos.
Por suposto, tamén teñen pasado por Pontevedra os máis importantes ceramistas do noso ámbito, como Arcadi Blasco (Alicante), Enric Mestre (Valencia), Elena Colmeiro (Galicia), Xavier Toubes (Galicia), Anxo Garraza (Pais Vasco), Hisae Yanase (Xapón), Rafa Pérez (A Rioja), Rosa Amorós (Cataluña), Alberto Hernández (Castela e León) ou Caxigueiro (Galicia), entre moitos outros do mesmo nivel.
Segundo o programa desta edición o primeiro día os artistas realizarán unha presentación da súa obra a travésde imaxes, e establecerán un coloquio cos alumnos. Comezarán os obradoiros nos que os profesores mostrarán as súas técnicas de traballo e onde os asistentes poderán realizar tamén as súas propias obras. Realizaranse coccións múltiples, de gas, eléctrico, redución, carbonización, forno de trincheiras, etc. O último día, abriranse os fornos.