Primeira edición do premio "Tertulia del Carabela"
Por Redacción
A "Tertulia del Carabela" celebra este ano o XXV aniversario da súa fundación no café-bar da Praza da Estrela. Por ese motivo, os seus membros instituiron un premio para distinguir a unha persoa ou entidade, cuxos principais méritos residan na aberta defensa dos valores culturais, "non sempre ben ponderados e ás veces esquecidos polas institucións públicas", segundo sinalou nun comunicado.
Os participantes neste faladoiro afirman que "a cultura na súa acepción máis ampla estivo sempre no ADN de Pontevedra, moi por encima da súa importancia demográfica, económica ou urbanística".
O gañador do premio "Tertulia del Carabela" recibirá unha representación dunha carabela "como símbolo por excelencia de apertura ao mundo e protagonista destacada no descubrimento de América".
Esta primeira edición fallarase "nas próximas semanas" e o gañador sairá "dun debate interno entre todos os tertulianos", cada un dos cales poderá defender a candidatura que considere máis apropiada.
Os membros deste faladoiro, seguramente a máis antiga que segue viva nesta cidade, reúnense no café-bar Carabela todos os sábados, a partir das dez da mañá. Catro veces ao ano tamén celebran unha comida de confraternidade, á que asisten convidados de Galicia, España e mesmo América do Norte, que por residir fóra de Pontevedra non poden acudir habitualmente. Todos eles intervirán na votación do premio.