Leiva, cantante de Pereza, presenta en Pontevedra o seu primeiro disco en solitario
Por Alejandro Espiño
Miguel Conejo Torres, "Leiva", coñecido e recoñecido ata agora por ser o cantante, guitarrista e principal compositor de Pereza, entra na maioría de idade creativa da man de Diciembre, o seu primeiro disco en solitario. Un traballo que presentará, este xoves 25 de outubro ás 21:00 horas, nun concerto acústico que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra.
Diciembre é o radiante debut dun artista carismático, músico de oído absoluto, mozo de barrio con arraigado sentido da honra. Un álbum composto por 13 xoias do pop-rock, nas que prevalece un soberbio son de guitarras. O feito de non contar co seu alter-ego en Pereza, Rubén Pozo, queda patente no son deste disco, un traballo que levou a Leiva a un son máis actual e menos "estoniano".
Diciembre é a ditosa evolución de todo o aprendido en Aviones, último traballo en estudo de Pereza, onde Leiva brillou con luz propia e abriu unha senda que continuou investigando: a atmosfera acústica de timbre setenteiro viuse afianzada, sagazmente tapizada dun "wall of sound", onde a importancia dos ventos marca distancias con todo o feito anteriormente.
En Diciembre, Leiva gravou todos os instrumentos el mesmo, apoiado puntualmente por membros da súa banda: Cesar Pop co piano, o hammond e o acordeón, Luismi Huracán coas percusiones e Tuli e Pachequín cos ventos. Ademais, é o productor do disco, o que pon de manifesto que estamos ante un artista único no seu xénero.
Leiva é considerado por crítica e público como un dos máis grandes, carismáticos e auténticos compositores da súa xeración. Goza do respecto de artistas e músicos, feito demostrado ao ser reclamado por xenios da talla de Sabina, para quen compuxo o que foi primeiro single do seu último disco de estudo.
Diciembre, gravado no último trimestre do ano pasado en Madrid, no estudo caseiro de Leiva e nos Estudos Montepríncipe, e mesturado e masterizado en Red Led, é un disco sincero, que sae das entrañas e que che toca desde a primeira escoita. Para moitos, o disco definitivo dun autor en permanente proceso de crecemento, unha obra personalísima e definitoria, lista para coarse nos recovecos do corazón do oínte.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 20 euros, pódense comprar a través da taquilla electrónica de Ticket Master.