A Banda de Música de Salcedo presenta os concertos cos que celebrará Santa Icía
Por Redacción
A Banda de Música de Salcedo ven de presentar os concertos cos que celebrará Santa Icía, a patroa dos músicos.
O primeiro deles terá lugar o vindeiro sábado 23 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra as 20:00 horas cun programa moi variado con obras clásicas de Antonio Delgado, Offenbach e Emilio Cebrián Ruiz e obras modernas de Satoshi Yagisawa e James Barnes.
Como ven sendo tradición, no transcurso do concerto farase entrega das medallas de prata da Banda. Este ano os premiados serán, no apartado de entidade xurídica, o Servizo de Cultura do Concello de Pontevedra dirixido por José Luis Sarandeses, e na modalidade de persoa física "manterase en segredo ata o día do concerto ao tratarse dun membro da mesma Banda de Música".
A celebración de Santa Icía continuará o sábado 30 de novembro as 19:00 horas na Casa Verde de Salcedo coa actuación da Banda Xuvenil, a Coral Polifónica e o Coro infantil de Salcedo.
A Banda de música de Salcedo traballa xa tamén no tradicional Concerto de Nadal do 23 de decembro, que este ano contará coa colaboración da Coral Polifónica "El eco" da Coruña para interpretar "Missa Brevis" de Jacob de Haan. Este concerto repetirase no Teatro Colón da Coruña o venres 27 de decembro.
Todos os concertos serán gratuítos.