O premio 'Tertulia del Carabela' vai a mans do Ateneo de Pontevedra
Por Redacción
Por unanimidade, tras considerar o xurado diversas candidaturas, a entidade gañadora da primeira edición do premio 'Tertulia del Carabela' é o Ateneo de Pontevedra. Para esta distinción tívose en conta por parte dos integrantes da organización a "encomiable tarefa cultural" que desenvolve este colectivo durante os últimos anos e sobre todo durante 2018 e 2019.
Ademais das actividades organizadas polo Ateneo de Pontevedra, tamén se tivo en conta a variedade da programación que promove con conferencias, debates, presentacións de libros, recitais, exposicións, talleres fotográficos e viaxes culturais, entre outros moitos actos.
Tamén destacan a súa independencia e que as actividades se realicen en diversos espazos da cidade, desde o Teatro Principal ao Museo Provincial, librerías, salas culturais e outros espazos do municipio.
A entrega do premio 'Tertulia del Carabela' realizarase nun acto público que se desenvolverá o 14 de decembro, ao mediodía, na Sala Nemonon, no edificio Villa Pilar.
O xurado que outorga este premio está formado por César Portela, Xosé Fortes, Modesto Barcia, Rafael López, Marcial Gondar, Daniel Pino, Valentín G. Carrera, Miguel Barros, Basilio Lourenzo, Benito Montero, Guillermo Meijón, Anxo Cabada, Damián Álvarez, Antonio Barrionuevo e Edwin T. Williams.
Os integrantes da Tertulia del Carabela impulsaron este galardón para conmemorar o 25 aniversario da súa constitución no establecemento situado fronte á praza da Ferrería.