Impulsan en Pontevedra un novo foro creativo relacionado coa literatura
Por Redacción
Escritores e escritoras vinculadas a Pontevedra están a impulsar unha nova iniciativa cultural na cidade. Trátase dun foro creativo vinculado á literatura que ten como obxectivo a edición dunha revista de creación e a actualización dos faladoiros literarios dos anos 20.
O foro, que contará co apoio do Concello, prevé que esta revista se edite desde Pontevedra e que recolla traballos orixinais de distintos xéneros literarios en convivencia con outras disciplinas artísticas.
Os seus responsables destacan a necesidade de dar cabida a un amplo espectro de xéneros literarios: narradores, poetas, escritores de literatura infantil e xuvenil, autores de banda deseñada e ilustración, críticos literarios, ensaístas e investigadores en campos como a historia, a etnografía, a biografía, o feminismo, a filosofía ou o pensamento crítico.
Este colectivo, que estableceu o galego como idioma de traballo, busca promover o diálogo entre disciplinas artísticas, así como o impulso de novas creacións e de propostas innovadoras.
Ademais, tamén decidiron traballar na elaboración dun sitio web que recolla toda a actividade cultural do Concello, tanto a institucional como a que realiza o sector comercial da cidade, como librarías, locais hostaleiros ou salas que programan recitais e presentacións, ou asociacións que organizan eventos literarios e debates.
O foro creativo traballará cos obxectivos de xerar e promover espazos literarios, amosar o potencial das persoas vinculadas a Pontevedra e que crean no campo da literatura ou en campos relacionados coa literatura, potenciar a riqueza cultural e visibilizar e poñer en valor a creación literaria, entendida como un ben inmaterial que xera riqueza no Concello.