Do 10 ao 15 de decembro, Novos Cinemas ofrecerá as películas máis humanistas de cineastas incipientes
Por Redacción & Cristina Saiz
'Arima', de Jaione Camborda será a primeira película que se proxectará durante o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas 04, que se desenvolverá desde o martes 10 ata o domingo 15 de decembro en Pontevedra, xornada na que se clausurará con 'Longa Noite', de Eloy Enciso, no Teatro Principal.
Este xoves presentábase na Casa da Luz a nova edición Novos Cinemas 04 coa presenza de Jacobo Sutil, director de AGADIC; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Vitoria Alonso, deputada de Cultura; Carme da Silva, concelleira de Animación Sociocultural do Concello de Pontevedra; ademais de Anxo Santos, Daniel Froiz e Suso Novás, responsables da dirección deste festival.
Jacobo Sutil destacaba o espectacular ano que o audiovisual galego está a vivir. Neste sentido, relacionou estes resultados coa posta en marcha de proxectos como este festival no que se promoven as películas creadas en Galicia.
Pola súa banda, o vicerreitor Jorge Soto subliñaba a importancia da formación do estudantado do campus dando saída a cineastas como Oliver Laxe que estudou en Pontevedra e "agora triunfa en todo o mundo" representando aos galegos.
Tamén Victoria Alonso tivo palabras positivas para este festival do que singularizou a súa accesibilidade a todos os públicos. A concelleira Carme da Silva tamén apuntaba a importancia que este festival mantén cos escolares a través de diversas propostas.
Suso Novás afirmaba que ao longo de todo o ano se desarollan talleres e visitas formativas a centros educativos. Durante a próxima semana, entre outras propostas, haberá encontros entre escolares con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos no Museo e emitirase a proxección de 'O xigante de ferro', unha das películas de animación de maior importancia durante os anos 90.
Ángel Santos explicaba que a programación que conta coa proxección de 14 películas inéditas nas seccións competitivas: nove pertencentes á sección oficial e outras cinco correspondentes á sección Latexos, ofrecerá unha programación heteroxénea e destinada ao público da cidade cun sentimento humanista. Afirmaba que desde o Novos Cinemas tómase como referencia aos festivais de Berlín e de Róterdan para realizar a programación de novos creadores audiovisuais.
Un dos principais atractivos do evento será a proxección das tres obras do cineasta belga Bas Devos, que visitará Pontevedra durante as xornadas. Trátase da primeira vez que se dedica un especial a este director en España.
O festival complétase con numerosas actividades durante a súa duración. Toda a programación pódese consultar na páxina web de Novos Cinemas. As entradas para as películas terán un prezo de 3 euros na billeteira do Teatro Principal mentres que o bono pódese adquirir a 15 euros a partir deste venres, xa que a oferta a metade de prezo conclúe na noite deste xoves. Pódense adquirir en Ataquilla.
Relacionadas:
-
Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións
Por Redacción |
-
Pontevedra desprega a alfombra vermella para inaugurar a edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Novos Cinemas subirá o pano coa primeira película da cineasta Jaione Camborda
Por Redacción |
-
Virginia García del Pino, Pamela Biénzobas, Gemma Vidal e Alfonso Zarauza asesorarán no Novos Cinemas 2019
Por Redacción |
-
Novos Cinemas ofrecerá por primeira vez en España toda a obra do cineasta belga Bas Devos
Por Alejandro Espiño |
-
"Arima", a primeira longametraxe de Jaione Camborda, abrirá o festival Novos Cinemas
Por Redacción |