Novos Cinemas subirá o pano coa primeira película da cineasta Jaione Camborda
Por Redacción
Todo está preparado para o arranque da cuarta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se desenvolverá ata o domingo 15 de decembro.
A protagonista será a cineasta vasca Jaione Camborda, afincada desde hai anos en Galicia, que presentará a súa primeira longametraxe. A proxección de Arima, coa presenza da directora e do equipo da película, subirá o pano de Novos Cinemas ás 20.30 horas no Teatro Principal.
Arima narra a historia de catro mulleres e unha nena que se ven alteradas pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser escorregadizo, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres.
Todo iso móvese na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.
O acceso á proxección será de balde previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal a partir dunha hora antes do inicio da sesión.
O abono para asistir á demais proxeccións de pago do festival poden adquirirse xa a un prezo de 15 euros ou 3 euros as entradas individuais a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal.
Xunto coa xornada inaugural, Novos Cinemas proxectará ás cinco da tarde as pezas xurdidas do obradoiro Habitar un rostro/O xesto dun encontro, realizadas por alumnado da Universidade de Vigo e titorizadas pola cineasta Jaione Camborda.
Así, poderán verse as obras creadas por Roberto Alonso Pereira, Raquel Álvarez Méndez, Lara e Noa Castro Lema, Noemi Parga, Ana Pérez, Andrea Piñeiro, Carmen Quintáns, Yuri Salgado, Sabela Souto e Mercedes Valero. O acceso será gratuíto.
Relacionadas:
-
Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións
Por Redacción |
-
Pontevedra desprega a alfombra vermella para inaugurar a edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Do 10 ao 15 de decembro, Novos Cinemas ofrecerá as películas máis humanistas de cineastas incipientes
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Virginia García del Pino, Pamela Biénzobas, Gemma Vidal e Alfonso Zarauza asesorarán no Novos Cinemas 2019
Por Redacción |
-
Novos Cinemas ofrecerá por primeira vez en España toda a obra do cineasta belga Bas Devos
Por Alejandro Espiño |