Pontevedra desprega a alfombra vermella para inaugurar a edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado
Cun Teatro Principal cheo a rebordar. Así debutou a edición 04 de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra. A cidade volveu a arroupar a un evento cultural que, a pesar da súa curta idade, xa se consolidou na oferta cultural da Boa Vila.
Dani Froiz e Ángel Santos foron os encargados, baixo a atenta mirada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de presentar un Novos Cinemas que, nesta ocasión, presenta un dos seus programas máis heterodoxos e que está composto por primeiros ou segundas longametraxes dunha quincena de realizadores de todo o mundo.
O festival arrancou coa proxección de Arima, a primeira longametraxe da cineasta Jaione Camborda, que narra a historia de catro mulleres e unha nena que ven alteradas pola chegada inesperada de dous forasteiros.
Nesta primeira xornada de Novos Cinemas tamén se proxectaron as dez curtametraxes realizadas no marco de Habitar o rostro / O xesto dun encontro, un taller impartido pola cineasta Jaione Camborda, quen ao longo dos últimos meses guiou a un grupo de estudantes nun proceso de reflexión e creación en torno á idea do retrato.
Foron, entre outros, retratos audiovisuais que achegaron ao espectador ao labor dun xastre, dun repartidor ou dun boxeador ou que reflexionan sobre a noite, a situación política en España, os canons da beleza ou sobre a idea de fogar.
Dando continuidade aos talleres impartidos en anteriores edicións do festival por Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso, este obradoiro supuxo unha oportunidade para formular novos desafíos á hora de coller unha cámara e saír do que cada un estaba acostumado a facer, como destacaron os seus participantes.
ESTREA DA SECCIÓN OFICIAL
O segundo día desta edición 04 de Novos Cinemas comezará con Jaione Camborda, que despois de proxectar Arima no acto de apertura do festival tamén protagonizará unha exhibición para escolares, ás once da mañá, no Museo de Pontevedra.
Ás 12:30 horas darán comezo as proxeccións dos filmes que xa compiten nas diferentes categorías do festival. A esa hora, no Teatro Principal, será a quenda de Actos de Primavera, filme da Sección Latexos dirixida polo español Adrián García Prado, que estará presente na sesión coa que esta película se estrea mundialmente.
Xa pola tarde, inaugurarase a sección oficial con Serpentário, a opera prima de Carlos Conceição (Portugal) ás 16:30 horas e a película Enquanto estamos aquí, dos directores brasileiros Clarissa Campolina e Luiz Pretti, ás 19.00 horas.
O broche de ouro será ás 21:30 horas coa proxección da longamentraxe Blanco en blanco, do director Thèo Court (España - Chile), gañadora do León á Mellor Dirección na Sección Orizzonti da Mostra de Venecia, e que tamén forma parte da sección oficial deste Novos Cinemas. No pase estarán presentes o director e o seu guionista, Samuel Delgado.
Relacionadas:
-
A proxección de Longa Noite, a última longametraxe de Eloy Enciso, pecha Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Así será o sábado en Novos Cinemas...
Por Redacción |
-
Alfonso Zarauza mostra en Novos Cinemas as primeiras imaxes da súa longametraxe "Ons"
Por Redacción |
-
Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións
Por Redacción |
-
Novos Cinemas subirá o pano coa primeira película da cineasta Jaione Camborda
Por Redacción |
-
Do 10 ao 15 de decembro, Novos Cinemas ofrecerá as películas máis humanistas de cineastas incipientes
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Virginia García del Pino, Pamela Biénzobas, Gemma Vidal e Alfonso Zarauza asesorarán no Novos Cinemas 2019
Por Redacción |