Así será o sábado en Novos Cinemas...
Por Redacción
O sábado desta edición de Novos Cinemas 04 terá o seu punto de partida ás 10.30 horas no Teatro Principal, co filme de Silvia Navarro e Miguel Morales "De los nombres de las cabras", inédito en Galicia e a concurso na "Sección Latexos". Ao remate, o público asistente terá a ocasión de participar dun coloquio cos directores.
Ás 11.00 horas na Casa das Campás continuarán os "Encontros" do festival cunha actividade promovida pola Coordinadora Galega de Festivais de Cinema "Proxecta" na que representantes de tres festivais compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo.
Os poñentes serán Álvaro Dosil (responsable pedagóxico de Curtocircuíto), Marcos Nine (director artístico de Cinema Crianza) e José Luis Cienfuegos (Director do Festival de Cine Europa de Sevilla).
A esa mesma hora, pero no Museo de Pontevedra, "Taller Abierto" impartirá un obradoiro no que se proporá a construción dunha animación experimental protagonizada por coñecidos personaxes cinematográficos que revivirán mediante a sinxela tecnoloxía do GIF ao dispor de todos.
Ás 12.30 horas proxectarase a derradeira longametraxe da "Sección Latexos", no Teatro Principal. Será "Enero", de Ione Atenea, un relato íntimo da vellez a través das historias de dúas mulleres octoxenarias: as avoas da cineasta. O público poderá acompañalas nas súas rutinas diarias e ritos cotiáns. Mentres a cámara dá conta dos xestos e a materialidade dos corpos que envellecen, a voz da cineasta interpélaas sobre as súas vidas, o paso do tempo e a morte, que pola súa proximidade, impregna toda a película.
Ás 13.00 horas terá lugar na Casa da Luz a presentación pública do proxecto Cinegalicia 2019, que se complementará cun concerto de "Oh Ayatollah! " en formato sesión vermú.
Xa pola tarde, ás 16.30 horas, será a quenda da "Sección Oficial" co pase de "Douze Mille", un filme de Nadège Trebal (Francia). Esta película relata como Frank perde o seu traballo clandestino e, crendo que Maroussia e el non se amarán do mesmo xeito, decide marchar para gañar os mesmos cartos ca ela: doce mil euros, a cantidade precisa para vivir durante un ano. Esta sesión suporá a estrea do filme en España e terá lugar no Teatro Principal.
Con "L'île Aux Oiseaux", de Maya Kosa e Sergio da Costa (Suíza) ás 19.00 horas no Teatro, poñerá fin ás proxeccións que compiten na "Sección Oficial". O público asistirá á historia de Antonin, un mozo que, tras un longo período de illamento, sofre esgotamento persistente e redescobre o mundo nun centro de rehabilitación para aves. Nese estraño lugar conviven aves feridas e almas perdidas arroladas polos sons dos avións.
O broche final para esta xornada de sábado estará protagonizado pola estrea española de Ghost tropic, do cineasta belga Bas Devos. Desta volta, coñeceremos a Khadija, de 58 anos, que tras un longo día de traballo queda durmida no último metro do día. Cando esperta ao final do traxecto, é consciente de que debe volver á casa a pé. Durante a súa viaxe, comprende que ten que pedir e ofrecer axuda aos outros habitantes da noite.
Relacionadas:
-
A proxección de Longa Noite, a última longametraxe de Eloy Enciso, pecha Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Alfonso Zarauza mostra en Novos Cinemas as primeiras imaxes da súa longametraxe "Ons"
Por Redacción |
-
Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións
Por Redacción |
-
Pontevedra desprega a alfombra vermella para inaugurar a edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |