'Hai que foderse!' a primeira curta de Alfonso Zarauza e Pablo Iglesias cumpre este decembro 25 anos. 'Hai que foderse!' como pasa o tempo. Aquel rapaz de 20 anos que empezara a estudar Dereito estaba xa montando as vimbias da súa verdadeira vocación, o cinema. Unha decisión profesional que o puxo coa maleta na porta da casa familiar e que 25 anos despois dalle a razón.
A día de hoxe Zarauza é un guionista e director coñecido e recoñecido. Acumula multitude de premios e haberá que ver os que chegan o próximo 2020 cando comece a presentar 'Ons' en festivais e salas. Polo momento, en Novos Cinemas de Pontevedra puido verse un adianto. O motivo que o tivo esta semana na cidade do Lérez.
Descubrimos na Playlist non só a súa selección musical, senón tamén a estreita vinculación que a familia Vilas Zarauza ten coa música. No seu pai, no seu tío, nos seus irmáns ... e o reflexo que esta circunstancia ten nas súas metraxes.
Non cre en Deus "pero si en David Bowie", tampouco no matrimonio. Foi pai novo e ata o nacemento da súa filla Elia estivo estreitamente vinculado ao cinema, ao seu cinema. Moi vitalista e de celebrar; a condición de que non sexa nesta época do ano na que hai celebrar porque si. Zarauza prefire celebrar cando lle sae, cando lle apetece, para iso ten ascendencia vasca (e sen acritude).
En PontevedraViva Radio fai a súa quiniela e a súa preferencia sobre os próximosPremios Goya, o que as circunstancias non permiten foi que fixese unha proba práctica das súas habilidades na cociña. Outra cousa que tamén fixo, presentarnos a un alter ego que tivo anos atrás,Leopoldo Von Faulhaber. Todo un personaxe, de película.