Unha curta sobre Leopoldo Novoa abre no Museo unha completa programación sobre o artista
Por Redacción
A Deputación Provincial abriu este martes unha extensa programación dedicada a Leopoldo Nóvoa que culminará a primeiros do ano 2020 cunha exposición e diferentes actividades complementarias dirixidas a todos os públicos.
A primeira actividade foi a proxección no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra dunha curta documental sobre a figura do artista pontevedrés, 'Leopoldo Nóvoa 1919-2019', feita con motivo da conmemoración do centenario do nacemento do autor.
O audiovisual, dirixido por Xurxo Lobato e guionizado por Rosario Sarmiento, supón 18 minutos de relato nos que se recolle un mosaico con dez miradas ao autor tanto dende o punto de vista persoal como artístico.
A peza pretende ser unha peza complementaria á mostra expositiva que se abrirá no Museo o vindeiro mes de xaneiro, onde se proxectará de maneira continua nunha das salas. Segundo explicou Xurxo Lobato, o contido céntrase fundamentalmente nas testemuñas de dez persoas que, por amizade ou por ser investigadoras da súa obra, se achegaron ao pintor nado en Salcedo.
A primeira delas, Rosario Sarmiento, é a comisaria da exposición e estudosa da figura do autor, dá paso a Celestino García Braña, arquitecto responsable da restauración da casa-estudo-obradoiro de Nóvoa en Armenteira, un espazo de creación que "para el era como un cenobio ou unha cela, case como un apéndice do mosteiro onde atopaba a paz para crear e para as súas actividades".
Na mirada plural da curta tamén está Sofía Santos, unha das grandes coleccionistas privadas galegas, amiga persoal e propietaria de obras de Nóvoa; así como Xavier Seoane, un dos grandes críticos de arte galegos e poeta; o pintor e grande pensador cultural Antón Patiño, que fai unha análise detallada da obra; un dos grandes galeristas de Nóvoa, Adolfo Sobrino; Román Pereira inspirador do Grupo Atlántica, movemento renovador da arte nos anos 80 e amigo persoal de Nóvoa; Xerardo Estévez, Ramón Rozas, ou Manuel Quintana Martelo.
Na súa intervención durante a presentación da curta, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, lembrou que tal día coma este martes, hai 100 anos nacía en Salcedo Leopoldo Nóvoa, ao que definiu como "un dos nosos máis destacados expoñentes da pintura abstracta da segunda metade do século XX".
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra recibe 68 obras de Leopoldo Nóvoa doadas pola súa viúva, Susana Carlson
Por Redacción |
-
Pontevedra rende homenaxe a Leopoldo Nóvoa cunha mostra retrospectiva no Museo
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |
-
O Museo celebrará o centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa cun documental sobre a súa figura
Por Redacción |