O Concerto de Aninovo cambia o ballet por unha opereta con Xeve como "nexo de unión"
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, e xa van oito, Pontevedra recibirá o ano novo con música en directo. O Pazo da Cultura acollerá o tradicional Concerto de Aninovo da Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra que, nesta ocasión, chega con moitas sorpresas e cun novo formato.
No Concerto de Aninovo, que se celebrará o próximo 1 de xaneiro ás 19:30 horas, a Filarmónica non estará acompañada sobre o escenario por unha compañía de ballet, senón por un coro que interpretará unha nova opereta que se estreará para a ocasión.
A parroquia de Xeve será o "nexo de unión" deste espectáculo que fusionará a música e a literatura galega, segundo explicou Lorena Varela, directiva da formación pontevedresa, que avanzou que o concerto será "emotivo, variado e cheo de sorpresas".
A opereta foi creada polo músico Fernando Ruibal Tilve, veciño de Xeve; e os textos das cancións que a integran foron escritos por Fina Casalderrey, a gran escritora galega de literatura infantil e xuvenil, tamén oriúnda desta parroquia pontevedresa.
Para poñer voz a esta opereta, a Filarmónica Cidade de Pontevedra contará coa colaboración do coro Réduit Ensemble, que participará con ata catorce cantantes. Un deles, o tenor Enrique Martínez, destacou que interpretarán gran parte dos textos e interactuarán cos narradores.
A segunda parte do concerto, como é tradición, levará aos espectadores á cidade de Viena e estará centrada nos clásicos valses e polkas que amenizan estas datas. Á fronte da orquestra estará, como director invitado, o ferrolán David Llanos, director da unidade de música do Mando Aéreo de Canarias.
As entradas para este concerto terán prezos populares e custarán entre os 10 e os 15 euros.
Relacionadas:
-
Concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Pontevedra con Abraham Cupeiro e os seus "sons esquecidos"
Por María José Pita |
-
Música en directo, literatura e a alma de Xeve para recibir o ano
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A música de Johann Strauss estrea o ano cultural de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |