Carmen Maura, Imanol Arias, Els Joglars ou o novo de Chévere, apostas teatrais de Afundación para 2020
Por Alejandro Espiño
Sete espectáculos formarán parte da oferta teatral de Afundación en Pontevedra durante o primeiro semestre de 2020. Así, entre os meses de xaneiro e xuño, estrelas da talla de Carmen Maura, Imanol Arias e Els Joglars presentarán na cidade os seus novos traballos escénicos.
A nova produción da compañía galega Chévere abrirá esta tempada teatral. Curva España é a historia dun crime sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes. Dirixida por XRon e protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco, verase o 17 de xaneiro ás 20.30 horas
Esperando a Godot, un clásico do teatro do absurdo que representa o hastío e a falta de significado da existencia humana, será a seguinte proposta, o 9 de febreiro ás 19.30 horas, baixo a dirección de Paco Azorín e a interpretación de Pepe Viyuela, Antonio Garrido, Alberto Jiménez, Jesús Lavi e Fernando Albizu.
La golondrina, unha obra sobre o poder sanador do amor que protagonizan Carmen Maura e o actor Dafnis Balduz, poderase ver o 21 de febreiro, ás 20.30 horas.
A versión teatral de El coronel no tiene quien le escriba, de Gabriel García Márquez, dirixida por Carlos Saura e cun elenco conformado por Imanol Arias, Cristina de Inza, Jorge Basanta, Fran Calvo e Marta Molina estará en Pontevedra o 6 de marzo, ás 20.30 horas.
Un marido ideal, pola súa banda, tomará o relevo o 2 de abril, a partir das 20.30 horas. É unha peza orixinal de Óscar Wilde, versionada por Eduardo Galán e interpretada por Juanjo Artero, Candela Serrat, Ania Hernández, María Besant e Dani Muriel.
Els Joglars tamén estarán en Pontevedra o 8 de maio, ás 20.30 horas, presentando Señor Reiseñor, cun elenco conformado por Ramón Fontserè, Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xevi Vilà, Juan Pablo Mazorra e Rubén Romero. A obra parte dunha serie de alucinacións que serven para construír unha mordaz crítica sobre Cataluña.
A tempada chegará á súa fin o 11 de xuño, ás 20.30 horas, coa comedia Sé infiel y no mires con quien, un clásico de John Chapman e Ray Cooney, baixo a dirección e interpretación de Josema Yuste xunto con Teté Delgado, Santiago Urrialde, Esther do Prado, Maribel Lara, Vicente Renovell, Celine Tyll, Kiko Ortega e Claudia Azcona.