Vilagarcía quere ser 'cidade do libro' cun gran evento multidisciplinar
Por Alejandro Espiño
Tras a 'fichaxe' do Atlantic Fest, o goberno municipal de Vilagarcía segue a traballar no impulso de novas iniciativas que convertan á vila nun referente cultural. A última idea que desvelaron é a organización dun gran evento multidisciplinar que converta o municipio na 'cidade do libro'.
"Vilagarcía, Cidade do Libro 2020" tería como epicentro unha feira do libro, un espazo expositivo editorial e literario cunha intensa programación de actos variados e que se complementaría con actividades noutros espazos e parroquias do municipio.
Presentacións de novidades literarias, conferencias, contacontos ou sinaturas de libros combinaríanse con pasarrúas, xogos baseados na literatura, teatro e outras manifestacións culturais.
Ademais, o Concello pretende prestar especial atención ás obras baseadas na cultura e na tradición xacobea, tanto dende o plano editorial, con novela, ensaios, obras de investigación ou estudos históricos sobre esta temática, os Camiños de Santiago, a Ruta Marítimo Fluvial Xacobea, a variante espiritual e o Camiño do Padre Sarmiento.
Así mesmo, "Vilagarcía, Cidade do Libro" proxéctase como un xeito para alentar as novas iniciativas que enfronten o desafío da creación literaria en lingua galega, fomenten a cultura galega e contribúan a dinamizar o patrimonio natural, cultural e humano de Vilagarcía.
Dada a dimensión da actuación que se pretende desenvolver, o Concello precisaría da colaboración da Xunta de Galicia para financiar o evento. A este respecto, o goberno municipal acordou solicitar unha subvención á Axencia Turismo de Galicia a través da programación do Xacobeo 2021.