Amantes da música electrónica: Este sábado, todos a Poio!... pero vestidos de branco
Por Alejandro Espiño
Gozar dunha noite diferente, vestidos de branco, en boa compañía e coa mellor música electrónica a todo volume. ÿ o que propón o Summer White Festival, segundo os seus organizadores, "un dos espectáculos visuales con máis pegada de Europa". Celebrarase este sábado 20 de xullo no recinto da Seca, rebautizado como Bahía de Tambo para poñer en valor a contorna natural na que se celebra.
Durante a súa presentación, a concelleira de Festas, Marga Caldas, agradeceu que os seus responsables pensasen en Poio para acoller esta segunda edición do festival, tras celebrarse o ano pasado en Sanxenxo e destacou que con este evento "dirixido non só a xente moza, senón a todos os que teñen espírito xoven" o nome do municipio "paseará por todo o territorio español".
Con respecto á edición de 2012, Pablo Cubela, un dos seus organizadores, sinalou que o Summer White Festival "dá un salto de calidade importante en todos os aspectos". Lograron reunir, afirmou, "o mellor cartel que poderíamos ter nesta segunda edición", xa que dentro da música electrónica "tocamos todos os paus desde o estilo máis canalla que representan os Zombie Kids ao máis comercial".
Neste sentido, destacou que os Zombie Kids prepararon unha versión especial do seu espectáculo para este festival. Será un dos grandes atractivos do evento xunto co DJ Juanjo Martín, Rebekka Brown "a mellor cantante house a nivel mundial" ou Kurd Maverick, un DJ de fama internacional. Completan o cartel algúns dos DJ máis populares de Galicia como DJ Shanti, Groove Amigos, Playdrum Brothers, Joao Ribeiro e Jose de Ananda.
Todos eles gozarán dun escenario mapping 3D de 30 metros de longo por 15 de alto que usa a mesma tecnoloxía que a que se utiliza na fachada da catedral de Santiago de Compostela nas Festas do Apóstolo. A súa música soará acompañada de 500.000 vatios de luz e son, un show de pirotecnia secuencial e sincronizada e 80 gogós e perfomances e doce aeroacróbatas. Estes últimos chegan da man da compañía de Pablo Méndez.
Estas performance terán lugar antes de que os catro artistas principais saian ao escenario. Serán pequenos shows de catro minutos. Segundo Pablo Méndez, o resultado final será "impactante". Aínda que non quixo adiantar os detalles sobre estas actuacións, que están en fase de ensaios, avanzou que unha delas "terá robots, leds e está todo coregrafiado". Será, destacou, "desas imaxes quevos asistentes ao festival levarán para casa nos móbiles".
OBSESION COA SEGURIDADE
Un dos aspectos máis mencionados na presentación do Summer White Festival é a seguridade que rodeará ao evento. Reuniranse milleiros de persoas no recinto da Seca e non se deixou nada ao azar. Os organizadores do festival, que se encargarán de controlar todo o que ocorra dentro do recinto, mantiveron varias reunións coa Policía Local e Protección Civil de Poio, que coordinarán o resto do operativo especial.
"El recinto está homologado y cumple con todos los requisitos", sinalou José Manuel Bea, responsable do Summer White Festival. Habilitaranse aparcamentos especiais na Seca e no IES de Poio e estableceranse buses lanzadeira que desde as 20.00 horas unirán Pontevedra, Cambados, O Grove e Sanxenxo co festival "para animar a los que quieran venir a que no lo hagan en coche".
Ademais, para evitar que se produzan estragos neste espazo natural, segundo a concelleira de Festas, Marga Caldas, pola noite prohibirase o acceso ao Parque da Memoria e á zona dos muíños, en cuxas inmediacións estará situada a zona de acampada gratuita. "ÿ unha ubicación perfecta para un festival destas características, pero temos que facer un esforzo para lograr que sexa o máis seguro posible para todos".