'Só', de Xampatito Pato, abre os Domingos do Principal o vindeiro 12 de xaneiro
Por Redacción
O domingo 12 de xaneiro comeza un novo ciclo de Domingos do Principal co espectáculo que logrou numerosos premios 'Só', da compañía Xampatito Pato.
Nesta montaxe, unha soa persoa rodeada de decenas de caixas xogará e irá dando forma ao seu mundo particular entre as risas e a transformación en diversas figuras. Trátase dun espectáculo de circo clown con malabares sorprendentes.
Esta obra, recomendada pola comisión artística da Rede Española de teatros e festivais de Titularidade pública logrou premios no Festival Utebo respira circo. MADn Circus, Acambalachous, Festival Carabolas de Bronchales, Festival Encuentro Zircozaurre, Kandengue arts, Festival al Freskito, o premio Chucha! do Festival de Circo e Clown de Úbeda e o segundo premio Panorama Circada
Ten unha duración de 50 minutos e haberá dous pases, un ás 12.00 horas e outro ás 18.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra. As entradas xa se atopan á venda por 4 euros en ataquilla.com e na Casa da Luz. No caso de que queden entradas por vender poderanse adquirir no Teatro Principal dúas horas antes de cada función. O espectáculo está recomendado para menores a partir de 4 anos e tamén para adultos.
Con ' Só', Domingos do Principal inicia un percorrido teatral durante sete domingos con funcións para público familiar con humor, música e marionetas.