30 músicos homenaxearán este sábado 11 ao desaparecido Miguel Guerra, fundador de Black Stones
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
"É emocionante despedir así ao noso pai, dunha forma acorde a súa forma de ser", así falaba este xoves Samuel Guerra, fillo do músico pontevedrés Miguel Guerra, que falecía en xuño de 2019, durante a presentación no Concello do concerto que terá lugar este sábado 11 no Teatro Principal a partir das 21.00 horas na homenaxe ao seu pai.
Miguel Guerra foi fundador e baixista do grupo Black Stones, músico de jazz e mestre de música. Máis de trinta intérpretes van subirse este sábado ao escenario do Teatro Prinicpal para lembrar a súa actividade creativa.
Carlos Rodríguez, organizador do evento, sinalaba que os grupos participantes nesta gala divídense entre aqueles que foron formados para esta ocasión como é o caso do Coro Gospel Vida con solistas como Serafín Carballo e a agrupación Miguel Guerra Friends; e por outra parte atópanse outros grupos consolidados como Mr. River, Antilia, Beco do Blue e os Black Stones. Rodríguez, explicaba acompañado por Ramón Guerra, irmán do homenaxeado, por Samuel e pola concelleira Carme da Silva o contido deste evento en memoria dun músico amante do jazz e que todos os que o coñeceron cualifican como magnífica persoa.
A Pontevedra para participar do acto acudirán músicos procedentes de Portugal e de diferentes puntos de Galicia. A entrada ao recinto será libre ata que non queden butacas libres.