Pontevedra acolle a representación de A Bela Dormente do Ballet de San Petesburgo
Por Oskar Viéitez
O Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra albergará a representación do ballet A Bela Dormente a cargo do Ballet de San Petesburgo de Andrey Batalov.
O espectáculo, galardoado co XXVII Premio Teatro Rojas ao Mellor Espectáculo de Danza 2018, poderase ver o vindeiro domingo 19 de xaneiro, a partir das 19.00 horas.
O Ballet de San Petersburgo tráenos a fantástica historia da princesa Aurora, enfeitizada pola malvada bruxa Carabós ao non ser convidada polos reis ao bautizo da princesa.
A Bela Dormente de Piotr Tchaikovsky é unha obra grandiosa do ballet clásico universal. Son tres actos con grandes bailes do palacio real: o bautizo da princesa Aurora, celebración do seu 16 aniversario e a voda, e tamén o soño da protagonista. Á gran festa da voda da Princesa Aurora, á parte dos cortesáns, están convidados moitos personaxes dos contos de Charles Perrault.
Un espectáculo con magníficos solistas internacionais e espectacular escenografía de Eugeny Gurenko.
O director artístico do Ballet de San Petesburgo, Andrey Batalov, é un dos máis condecorados bailaríns rusos: no 1996 gañou concursos en París e Nagoya, en Budapest (Primeiro Premio e Premio Especial Nuriev) e en Arabesk-Perm (Primeiro Premio e Premio Mikhail Baryshnikov) e foi Grand Prix na Competición Internacional de Ballet en Moscova (1997). Terminou a súa formación en 1992 na Academia de Ballet de San Petesburgo Vaganova. Entre 1992 e 1994 foi solista do Ballet do Teatro Mikhailovskiy de San Petesburgo e desde 1994 ata a actualidade é solista principal do Ballet Mariinsky. Tamén foi solista do Real Ballet Danés (2000-2002).