O Cuarteto de Corda Brentano, intérprete da banda sonora da película 'A Late Quartet', ofrece un concerto no Principal
Por Redacción
O Cuarteto de Corda Brentano foi a agrupación encargada de interpretar no ano 2013 a banda sonora da película 'O último concerto' ('A Late Quartet'), que contaba coas actuacións de Philip Seymour Hoffman, Catherine Keener e Christopher Walken.
Este xoves, 16 de xaneiro, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra ofrecerá aos seus socios a actuación deste notable cuarteto. O concerto será no Teatro Principal a partir das 20.30 horas.
Trátase dunha formación que destaca pola súa brillantez técnica, o seu coñecemento musical e a súa elegancia. Conseguiu premios de categoría como o de Cleveland, o Naumburg Chamber Music Award e o Premio Anual Martin E. Segal. Desde 2014, o Brentano String Quartet é o novo cuarteto residente na Yale School of Music, sucedendo ao Cuarteto de Corda de Tokio.
Os seus integrantes residen en América do Norte onde actúan con frecuencia, ademais de participar en festivais internacionais como, entre outros, os de Edimburgo, Bath, De Divonne, Kuhmo e Mozartwoche de Salzburgo.
En Pontevedra, para conmemorar o ano Beethoven, o Cuarteto interpretará dous cuartetos do músico de Bonn, e completará o programa cunha peza de Mozart.