José Manuel Pérez Hermida é o nome que aparece no seu DNI, pero Jose Churruca é o nome polo que se lle coñece e que lle puxeron en Luarca cando tiña oito anos. Lembra perfectamente o día en que escoitou por primeira vez a súa "xoia da coroa" o 'Sultang of swing' de Dire Straits.
A música é "practicamente a miña vida" dí en PontevedraViva Radio. Ten con ela, podería dicirse, unha relación de amor - odio porque hai momentos nos que ten que descansar o oío e a cabeza, pero por outra banda para el "é todo". E ese todo con permiso da súa muller María Costas, actriz, cantante, compositora e profesora de canto.
Na adolescencia entrou a súa primeira guitarra en casa. El quería tocar o baixo, pero unha muller cunhas superlativas dotes comerciais fixo que saísen do seu establecemento cunha guitarra e matriculado nunhas clases para aprender a tocala. Empezou Filoloxía pero a música impoñíase. Pasou polo Conservatorio de Pontevedra e Vigo e máis tarde pola Escola Estudo de Santiago.
Celeste Persuasión foi a súa primeira banda. Logo veu Costa Norte, da que formou parte Miguel de la Cierva e por suposto o seu irmán Toño 'Rubén Churruca', que foi baixista de Os Resentidos. Non tiña pensado entrar en orquestras "nin de coña"; xa o dicía 'Monchito'. Con todo, en ocasións, o destino está para levar a contraria e aí estivo, desde os 18 anos ata pasados os 40. Hai que sumar a este curriculum El y Ella, Antilia; ah! e Los Churruca.
Fai dez anos empezou a vender a súa música a través de Internet. En decembro de 2015 subiu o seu primeiro backing track a Youtube, seguiron os covers e co tempo introduciu astablaturas. A día de hoxe suma case seis millóns de reproducións e ten preto de 27 mil subscritoresna súa canle. Ademais na súa páxina webvende pistas de acompañamento para instrumentistas e vocalistas e recentemente está aberto a mecenas en Patreon.
O seu virtuosismo coa guitarra é sobresaliente. Tal e como o é a reflexión coa que conclúe A playlist: "o meu mellor momento é este". E que dure.