O guitarrista Enrike Solinís acompañará á Real Filharmonía de Galicia en Pontevedra
Por Sara Iglesias
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra, en colaboración con Afundación, organiza un novo concerto que nesta ocasión estará a cargo da Real Filharmonía de Galicia. O concerto celebrarase o vindeiro venres día 24 ás 20:30 horas no seu auditorio de Pontevedra.
A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Jessica Cottis, ofrecerá o seguinte programa: Danzas concertantes, de Igor Stravinski; Concerto de Aranxuez, de Joaquín Rodrigo; e As criaturas de Prometeo (fragmentos do ballet), de Beethoven.
Na obra de Joaquín Rodrigo, Concerto de Aranxuez, actuará como solista o bilbaíno Enrike Solinís, considerado pola súa capacidade técnica e expresiva un dos maiores e máis persoais virtuosos guitarristas da súa xeración.
Jessica Cottis, de procedencia británica e australiana, é actualmente una das directoras con maior influencia no mundo da música. Dirixiu a orquestras como a Royal Philarmonic, Filarmónica de Los Ángeles, Sinfónica de Londres, Sinfónica de Singapura, Orquestra de Cámara Inglesa, Sydney Symphony Orchestra, Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya, Philarmonique de Montecarlo ou a Scottish Opera Orchestra.
Ademais, colabora con frecuencia en programas de radio para a BBC, e actualmente preside a Xunta de Música do Tait Memorial Trust, organismo que supervisa a axuda financeira para novos artistas de Australia e Nova Zelandia.
Para este concerto, Afundación puxo entradas á venda a través de Ataquilla.com, mentres que a Sociedade Filarmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios, que poderán recollelas os días 22 e 23, de cinco a oito da tarde, no local da Filarmónica.