O tradicional Serán de Pousos da Area recunca este sábado en Marín con actividades para toda a familia
Por Redacción
O Multiusos da Praza de Abastos de Marín será o escenario onde este sábado 25 de xaneiro vai celebrarse a sétima edición do Serán Pousos da Area. Trátase dunha proposta relacionada coa cultura popular que promove a asociación Pousos da Area.
As actividades iniciaranse ás 18.00 horas coa apertura dos postos de artesanía. Unha hora máis tarde poñeranse en marcha os xogos tradicionais destinados a escolares e ás 21.30 horas, ademais de actuacións musicais, poderá degustarse chocolate con rosca e queimada.
O presidente da asociación, José Iglesias, presentaba coa concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, estas actividades sinalando que a intención desta festa é recuperar actividades tradicionais que se realizaban nesta zona dando un toque persoal e actualizándoas.
Estas festas tiñan lugar unha ou dúas veces á semana ao termo dos labores diarios de traballo e eran os propios veciños os que cantaban e tocaban pezas formando grupos. Pousos da Area levan anos recompilando oficios antigos desde un punto de vista antropolóxico con numerosa documentación.