O Museo busca nova imaxe e quere fomentar ligazóns co Camiño Portugués
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Primeira reunión do Consello Asesor do Museo de Pontevedra con numerosas ideas enriba da mesa. A cita celebrábase no edificio situado na rúa Pasantería cos sete integrantes, o director do Museo José Manuel Rey e co vicepresidente César Mosquera.
"O pasado, pasado está", apuntaba Mosquera nun receso ao longo da mañá deste luns, para afirmar que todos os asistentes coincidiron na necesidade de desenvolver un cambio moi profundo ao funcionamento do Museo para darlle un novo impulso.
Neste sentido, quérense buscar sinerxias co Camiño Portugués a Santiago. A intención, explicaba o vicepresidente provincial, é abrirse á sociedade e aproveitar o auxe do funcionamento do Camiño. José Manuel Rey, director do Museo, indicaba que é necesario traballar a idea para relacionar Pontevedra como área de paso cultural dun traxecto que mesmo leva trazas de superar ao Camiño Francés. "Hai que aproveitar esa oportunidade", apuntou.
CAMBIO DE IMAXE CORPORATIVA
Tamén se decidiu de maneira unánime, segundo explicaba César Mosquera, en crear unha imaxe corporativa cun logo e un novo impulso na comunicación sobre os eventos. Segundo explicou, a intención é poñer en marcha un concurso de ideas para profesionais do deseño e da comunicación para que na primavera póidase contar cunha imaxe que substitúa ao debuxo que se estaba empregando ata o de agora como icona do Museo de Pontevedra.
Rey tamén insistiu na idea de que a institución tome unha liña de traballo máis social. Ao longo da segunda parte da reunión estaba previsto tratar tamén a reforma dos edificios históricos, da programación cultural e do orzamento.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra achegará pequenas réplicas dos seus fondos a vilas do Camiño Portugués
Por María José Pita |
-
O Museo recibe 40 candidaturas para deseñar a súa nova identidade visual
Por Redacción |
-
Convocan o proceso para renovar a identidade gráfica do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sete especialistas para un Consello Asesor que afaste ao Museo Provincial dunha dirección "excesivamente personalista"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Sete persoas de perfil "absolutamente técnico" conformarán o Consello Asesor do Museo
Por Oskar Viéitez |