Novedades Carminha fará vibrar á Sala Karma o próximo 27 de febreiro
Por Alejandro Espiño
A Sala Karma suma un novo concerto de altura para celebrar o seu décimo cuarto aniversario. Trátase da banda galega Novedades Carminha, que actuará en Pontevedra o xoves 27 de febreiro, dentro da xira Vibra Mahou en Galicia.
Novedades Carminha presentará en directo os temas incluídos en Ultraligero, o seu último disco, unha viaxe de ida e volta polas cavilacións da música de baile, pero tamén o seu maior recompilatorio de hits expansivos ata a data.
Gravado integramente en Sevilla con produción de Raúl Pérez e a propia banda, a banda galega achégase neste disco a rexistros como o dub, a rumba, o funk-soul, a cumbia, o música disco, o chiptune, o hip-hop máis espacial ou o dancehall.
Publicado o pasado ano 2019, Ultraligero foi elixido pola crítica especializada como un dos traballos discográficos do ano e con el Novedades Carminha percorreu os principais festivais e salas do país.
As entradas para este concerto sairán á venda nas próximas horas a través da plataforma Ticketmaster.