O premio literario Pinto e Maragota recoñecerá obras narrativas, poéticas ou teatrais sobre diversidade sexual
Por Alejandro Espiño
Obras inéditas en galego que teñan como argumento transversal a diversidade sexual e de xénero. Son os traballos literarios que se poderán presentar á convocatoria do premio Pinto e Maragota, que convocaron o Concello de Pontevedra e a editorial Xerais.
Trátase dun premio, que segundo a edil de Igualdade, Paloma Castro, pretende "visibilizar e dignificar" a realidade LGTBIQ+ e recoñecer autores e historias que, a través da literatura, "normalizan" esta diversidade e axudan a que a xente "teña unha visión diferente".
A este premio, que estará aberto tanto a escritores consagrados como noveis, poderán presentarse obras de narrativa, poesía ou teatro de ámbito infantil, xuvenil ou adulto. Estará dotado con 3.000 euros e Xerais editará a peza gañadora.
Os interesados poderán presentar os seus traballos, en formato dixital e cun mínimo de 90.000 caracteres (narrativa e teatro) ou 500 versos (poesía), ata o próximo 23 de abril.
Un xurado, que estará composto por un representante da concellería de Benestar Social, unha persoa proposta por Xerais e un portavoz dun colectivo LGTBIQ+, resolverá o premio o 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo.
Fran Alonso, director editorial de Xerais, asegurou que "estamos encantados" de participar na convocatoria do primeiro premio literario que existe en Galicia sobre diversidade sexual ao ser unha "oportunidade" para visibilizar unha realidade "emerxente" e que "non ten volta atrás".
A literatura, segundo Alonso, é unha "terraza sobre o mundo" que ofrece aos lectores unha "visión panorámica" que lles permite "ir máis alá do que nos chega a vista". A ficción, engadiu o editor, ten ademais unha "capacidade enorme" para contribuír á inclusión social.
O premio e as obras que se presenten, dixo o responsable de Xerais, contribuirán a que a sociedade teña unha visión "máis aberta e plural" sobre a diversidade sexual e de xénero e a aumentar as publicacións sobre esta realidade, xa que ata se aborda nunha porcentaxe "moi pequeno" dos libros que se editan no noso país.
Estes textos literarios, ata o de agora, "non responden ás expectativas" da sociedade e ás "necesidades" que teñen as persoas LGTBIQ+ de que este tipo de temas e realidades sociais estean presenten na literatura.
Relacionadas:
-
"Cobiza" de María Reimóndez, Premio Pinto e Maragota, xa está nas librarías
Por Alejandro Espiño |
-
María Reimóndez gaña o premio literario Pinto e Maragota con "Cobiza", unha novela de ciencia ficción
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Vinte e catro obras optan ao primeiro premio literario Pinto e Maragota de diversidade sexual
Por Redacción |
-
Habilitan unha web para enviar as propostas para o premio literario Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
Abre en Pontevedra o primeiro centro de información en diversidade sexual e afectiva de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra impulsará o primeiro premio literario en Galicia sobre diversidade sexual
Por Alejandro Espiño |