Eva Mejuto gaña o premio Matilde Bares cun relato titulado "Matilde"
Por Redacción
A autora pontevedresa Eva Mejuto é a gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, convocado polo Concello de Bueu, por unha obra titulada Matilde.
O xurado, conformado por Álex Alonso, Pepa Mosteiro e Jorge García Marín, reuniuse este luns nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato de entre os sete presentados.
Del destacaron que está escrito cunha "gran sensibilidade" e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta.
Así mesmo, describen que constitúe unha historia que "contén unha grande carga emocional, do renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza".
A autora pontevedresa farase cunha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do libro.
Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro.
Eva Mejuto conta cunha ampla traxectoria no ámbito editorial, tanto por ter formado parte de proxectos editoriais como na publicación de historias para público infantil e xuvenil, caso de 22 segundos, onde aborda o tema da transexualidade, ou Memoria do silencio, sobre a historia das irmás Touza de Ribadavia.