Un catálogo recolle o traballo de dez mulleres artistas en relación co Camiño Portugués
Dentro do programa 'O teu Xacobeo', da Consellería de Cultura e Turismo, presentouse no Palacio dos Menzoda a publicación 'Camiño A Dentro', un proxecto organizado por Turismo Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como fin poñer en valor o Camiño Portugués, tanto interior como da costa, e recoñecer o traballo das mulleres artistas no rural.
A comisaria desta iniciativa, Paula Cabaleiro, encargouse da exposición dun catálogo que contén todas as pezas que se realizaron para este plan, así como unha breve biografía das súas creadoras. 'Camiño a Dentro' conta con dez proxectos colaborativos realizados entre o 3 e o 25 de outubro do 2019, creados na súa totalidade por mulleres, co fin de reivindicar o traballo das mulleres artistas e, ademáis, ter unha chiscadela feminista. Cabaleiro agradeceu aos concellos participantes e tamén destacou a fermosidade do proxecto. Ademáis, reproduciuse tamén un video resumo de todas as pezas que pode verse no web de Turismo Rías Baixas e na súa canle de YouTube.
O obxectivo principal desta iniciativa é o de establecer vínculos coa comunidade a través da creatividade, e destacar os vieiros do Camiño que pasan pola provincia de Pontevedra. Os concellos participantes foron: Tui, A Guarda, Baiona, Nigrán, Redondela, O Porriño, Pontevedra, Soutomaior, Oia e Caldas de Reis. En cada un deles, unha das artistas preparou accións de carácter artístico como pezas musicais, videocreacións ou ilustracións, entre outras.
O alcalde de Nigrán, Juan González, destacou que a finalidade de tecer redes e executar proxectos de colaboración entre institucións fíxose posible, así como integrarse e formar parte do territorio a través dos concellos participantes. Ademáis, participaron na iniciativa outras entidades como centros de ensino, que foron o CPR Santiago Apóstol de Arcade e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Segundo González, a través desta mostra conseguiuse "asentar o Xacobeo en toda Galicia".
Para finalizar, a deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, asegurou que o proxecto logrou os obxectivos de difundir o patrimonio galego e mostrar o traballo e o talento das mulleres artistas, que tantas veces son invisibilizadas, interactuar coa veciñanza e co alumnado, e xerar un diálogo entre os peregrinos que transitan este Camiño.
Do catálogo, imprimíronse cincocentos exemplares que van ser distribuídos entre os concellos participantes, oficinas de turismo dos municipios polos que pasa o Camiño, as oficinas de Turismo Rías Baixas, e tamén colectivos relacionados con rutas Xacobeas que o soliciten.