O Museo continúa co concurso para a súa nova imaxe corporativa a pesar da alerta sanitaria
Por Redacción
O Museo de Pontevedra segue adiante co concurso para deseñar a súa nova identidade corporativa a pesar do Estado de Alarma decretado pola pandemia do coronavirus. A directiva desta institución así o acordou despois de consultalo coas catro marcas que seguen inmersas no certame.
A selección das catro propostas que mellor se adaptaban ao contrato proposto pola Deputación realizouse nunha reunión do Consello Asesor do Museo. Foron escollidas entre as 37 ideas presentadas en tempo e forma en base aos criterios establecidos: experiencia na presentación de campañas de imaxe institucional ou corporativa, capacidade de transmitir o significado e contido das marcas, institucións ou corporacións, valor artístico e simbólico dos traballos, capacidade de adaptación e versatilidade para a aplicación dos distintos soportes, así como convivencia e lexibilidade.
A segunda fase do proceso que agora se abre consistirá na presentación da proposta de nova imaxe corporativa do Museo e comezou a contar oficialmente tras a comunicación aos aspirantes, que dispoñerán dun mes. Os traballos deberán incluír a presentación do imagotipo, acompañar a proposta dunha memoria xustificativa técnica e teórica da produción da imaxe e xustificar a aplicación da imaxe nos distintos soportes dixitais, papelería, publicacións e distintos soportes das exposicións.
Con respecto á presentación, como consecuencia da declaración do Estado de Alarma formalizarase a través da sede electrónica e calquera consulta será atendida por correo electrónico.
Unha vez recibidas todas as propostas, será o Consello Asesor o que decida cal é máis adecuada para o Museo. A empresa seleccionada terá que presentar o manual de identidade corporativa de forma desenvolvida. O importe do contrato do deseño final ascenderá a 12.000 euros sen IVE/IVE. En concepto de compensación polos gastos, as outras tres propostas recibirán 1.000 euros.
Relacionadas:
-
Estrean a nova imaxe institucional do Museo este xoves 16 na terraza exterior do Sexto Edificio
Por Redacción |
-
O Consello Asesor elixe por unanimidade a proposta de logotipo para o Museo
Por Redacción |
-
Mes do libro e da cultura a través da Deputación online
Por Redacción |
-
O Museo reorganiza a súa programación e tenta reducir a afectación do COVID-19 na súa tarefa divulgativa
Por Redacción |
-
A nova identidade corporativa do Museo está nas mans de catro candidaturas galegas
Por Redacción |