Peregrinar a Santiago cumprindo o #QuedaNaCasa
Por Redacción
As restricións do estado de alarma e as indicacións das autoridades sanitarias de quedarse na casa para frear o avance do coronavirus non son impedimento para facer o Camiño de Santiago. Todos os albergues están pechados e non está autorizado desprazarse camiñando polo roteiro xacobeo, pero as persoas que o desexen poden vivir a experiencia da peregrinaxe a través da webserie El Latido del Camino.
Os pontevedreses José García e Tomás Abeigón farán posible esta experiencia recuperando unha iniciativa do ano 2010. Foron os promotores naquel Ano Santo desta webserie, que se emitiu en Youtube e agora está nesta ligazón.
Tomás Abeigón lembra que El Latido del Camino é o único proxecto audiovisual realizado na internet que fomenta, a través de 26 capítulos, os valores e todas as motivacións da peregrinación.
De forma gratuíta, todas aquelas persoas que o desexen, poderán desde calquera recuncho do mundo e cumprindo o #QuedaNaCasa os lugares máis emblemáticos do Camiño Francés e descubrir experiencias, vivencias, anécdotas e curiosidades dos peregrinos deste roteiro.
Este proxecto audiovisual é resultado do traballo realizado por Abeigón e García entre o 20 e o 25 de xullo de 2010. transitaron a bordo do seu vehículo -bautizado como a 'carroza xacobea'- os máis de 800 quilómetros que separan o inicio e o final do roteiro.
Tal e como eles explican, "foron seis xornadas esgotadoras e moi intensas desde o punto de vista emocional" que lles permitiu recoller as razóns, as ansias e os anhelos que moven ata Santiago a xente tan diversa. "Buscabamos o lado humano máis aló de crenzas ou relixións. Moitas cousas cambiaron ao longo dos séculos de existencia do Camiño, pero hai algo que permanece: as persoas", explican.
García e Abeigón convértense en dous peregrinos máis e afánanse no seu papel cumprindo de forma escrupulosa con todos os ritos e tradicións ligados a este itinerario milenario. "Entender que é o Camiño obrigábanos a involucrarnos. Non basta con coller unha cámara e recompilar imaxes e testemuños que logo se editan sen máis. Hai que mesturarse cos peregrinos e tratar de vivir o que viven, de sentir o que senten. Só así é posible trasladar unha imaxe o máis certeira posible desta experiencia", explican.
O material finalmente editado supera as catro horas de duración. Para facilitar o seu visionado a metraxe foi estruturado en 26 capítulos, de maneira que o espectador pode elixir desde o primeiro momento o punto exacto desde o que comezar a súa aventura virtual do Camiño.