Máis propostas de lecer na casa a través de ‘Poio Cultura’
Por Redacción
A Concellería de Cultura do Concello de Poio está ofrecendo a través do seu perfil de facebook ‘Poio Cultura’ numerosas propostas para que a estadía na casa sexa máis levadeira. A través de ‘Poio Cultura’ pódese acceder a visitas virtuais a museos, coñecer bibliotecas ‘on-line’ ou ter a posibilidade de gozar con espectáculos teatrais e proxeccións de películas vía ‘streaming’.
Trátase dunha ampla oferta de lecer pola que aposta a Concellería de Cultura para tentar que a veciñanza de Poio leve do mellor xeito posible estas xornadas de confinamento, decretadas a raíz da entrada en vigor do estado de alarma. Para a concelleira de cultura, Raquel Rodríguez "é moi importante que os veciños e veciñas dispoñan de opcións para gozar dun tempo de lecer de calidade respectando as directrices do confinamento". Ao tratarse dun perfil aberto, tamén pode beneficiarse desta iniciativa calquera persoa con acceso a facebook.
Aínda que xa amosa moitos contidos, a intención desde o concello é ir aumentando a oferta, tanto para desfrute individual como familiar. Para este último grupo, recomendan as visitas interactivas a algúns dos museos máis prestixiosos do mundo. É o caso do Museo Thyssen en Madrid, o Van Gogh en Holanda ou o D’Orsay francés.
A Concellería de Cultura tamén recomenda a opción de Efilm (efilm.online) como fórmula axeitada para poder acceder a unha gran variedade de material audiovisual. O único requisito para ter a posibilidade de gozar de máis de 20.000 títulos de películas, curtametraxes ou series é ser socio da biblioteca.
Así mesmo, na Biblioteca Dixital Mundial da Unesco os usuarios teñen a opción de acceder e consultar material de todo tipo, desde mapas, textos e fotografías, pasando por gravacións e películas de diferentes épocas.
Paralelamente, o concello de Poio segue a manter a participación a distancia en actividades especialmente sensibles. É o caso, por exemplo, dos exercicios de memoria e ximnasia que agora mantén a Concellería de Benestar Social e que está enviando por correo electrónico ou a través de contacto telefónico para os 122 inscritos no programa ‘Saudemente’. Outro tanto sucede cos obradoiros de ioga e pilates impulsados pola Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM).
Relacionadas:
-
Poio Cultura ofrece xa diversas propostas virtuais para participar no Día das Letras
Por Redacción |
-
A mestra e inventora Ángela Ruiz protagoniza o terceiro capítulo da serie Aprende coas Mulleres Galegas
Por Redacción |
-
Poio reparte máscaras entre o sector do pequeno comercio do municipio
Por Redacción |
-
Atención os sete días da semana no CIM de Poio para as vítimas de violencia machista
Por Redacción |
-
A Concellería de Benestar Social de Poio insta aos maiores a realizar exercicios caseiros durante o confinamento
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio habilita unha liña telefónica exclusiva para atender casos relacionados co estado de alarma
Por Redacción |