Pontevedra organizará unha mostra fotográfica coa 'Memoria dun confinamento'
Por Alejandro Espiño
A posta en valor da arte, a participación activa da veciñanza e a excepcionalidade do día a día que se está a vivir polo coronavirus. Son os tres obxectivos do certame fotográfico que, baixo o nome 'Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020', está a organizar o Concello.
O certame estará activo desde o 2 ata o 12 de abril e poderán participar todas as persoas que o desexen con fotografías realizadas desde os seus domicilios e nas que amosen exteriores, como as vistas desde xanelas, balcóns ou terrazas.
De entre todas as fotografías, un xurado especializado realizará unha selección que pasará a formar parte dunha mostra que se exhibirá na rúa nos vindeiros meses.
A mostra resultante pretende ser unha compilación de diferentes visións da Pontevedra urbana e rural desde a óptica das persoas que a habitan e que á súa vez toman o protagonismo como narradores do día a día dunha situación insólita como a actual.
Esta é unha iniciativa con motivo do Día das Artes Galegas, instituído o 1 de abril pola Real Academia Galega das Artes.
No certame poderá participar calquera persoa, cunha única fotografía que amose o exterior e deixe ver claramente que están realizadas desde dentro dun domicilio de Pontevedra, polo que deben incluír algún elemento dunha xanela, terraza, balcón, valado ou cancela.
Haberá tres categorías: infantil - xuvenil (ata 18 anos), adultos (19 a 65 anos) e sénior (a partir dos 65 anos).
A participación realizarase a través do formulario da páxina web do Concello de Pontevedra: apuntate.pontevedra.gal.
Relacionadas:
-
90 fotografías da Pontevedra confinada poderán verse nas exposicións que se inauguran o luns 10 na Alameda
Por Redacción |
-
Instan a colocar recortables, debuxos ou ramas de oliveiras en xanelas o Domingo de Ramos
Por Redacción |
-
"Queda na casa", dincho tamén as xanelas e balcóns
Por Redacción |
-
Balcóns e fiestras da cidade convértense en espazos de agradecemento e reivindicativos
Por Redacción |