Suspenden o #ApagónCultural e o sector artístico dá un voto de confianza ao Goberno
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O cancelo #ApagónCultural recolle nas redes sociais o malestar en todo o sector da cultura ante a falta dun plan de axudas por parte do Ministerio de Cultura e Deporte, que dirixe o ministro José Manuel Rodríguez Uribes.
A 'Unión de Actores y Actrices' convocara unha folga de 48 horas de duración nas redes sociais durante este venres 10 e o sábado 11 co obxectivo de que se note a "non presencia" nestas plataformas ao non subir contidos de iniciativas culturais.
Pero nas últimas horas deste venres decidíase suspender esta convocatora e dar un voto de confianza ao Goberno, segundo explica a Unión de Actores e Actrices na súa conta de Twitter:
Desde la Unión damos un voto de confianza al Gobierno tras las palabras de la Ministra de Hacienda @mjmonteroc y levantamos el #ApagónCultural. Esperamos que sus palabras se hagan realidad. Gracias por habernos apoyado en esta iniciativa y recordad que la UNIÓN hace la fuerza. pic.twitter.com/YWI3AduoRc
— uniondeactores (@uniondeactores) April 10, 2020
Entre outras persoas de relevancia pública, Luisa Márquez, coordinadora da Rede de Escolas Unesco; as actrices Marián Bañobre e Mónica Camaño; o artista Antón Sobral; ou os ilustradores Kiko da Silva e Eli García, que colabora coas súas publicacións diarias en PontevedraViva, manifestaron o seu apoio a esta folga en protesta ao deixamento que expresou o ministro de Cultura en relación cos miles de profesionais do sector.
O sector amosou a súa indignación porque o Ministerio destinou a Deporte un plan de axudas de 50 millóns de euros, que irán a mans das diferentes federacións deportivas, mentres que ignora o apartado cultural.
O malestar do sector tamén se demostra co movemento #NonNosCanceles, que xa viña desenvolvéndose nas redes sociais por parte dos artistas para facer unha chamada á sociedade e ás administracións para que comprendan a importancia que a actividade cultural ten como motor de iniciativas.