A Aula Castelao recupera en YouTube parte do seu arquivo histórico
Por Redacción
A Aula Castelao non se resigna a renunciar á Semana Galega de Filosofía, aínda que sexa dun xeito non usual. Adiada a edición deste ano, que tiña previsto comezar este luns, optaron por cambiar a unha modalidade virtual recuperando conferencias de anos anteriores.
Deste xeito, a organización porá en aberto na rede unha serie de recursos do seu arquivo histórico que substitúan dalgún xeito á cita que debería ter Pontevedra, en circunstancias normais, para debater e analizar en profundidade os temas que someten a discusión pública.
A publicación destes vídeos comezará pola inauguración da Semana de Filosofía de 2006, a cargo do daquela presidente da entidade Fernando Pérez. É unha homenaxe a quen fora cofundador da Aula Castelao e que faleceu precisamente nese ano.
En días posteriores irán subindo conferencias e entrevistas desa e doutras semanas de filosofía, mesmo anteriores, que a Aula Castelao considera que poden ser documentos de grande interese alén dos problemas que poidan ter en canto a súa calidade de imaxe e son.
Estes vídeos iranse publicando na súa canle de YouTube e nas súas contas das redes sociais coincidindo con cada día da que sería a 37 edición da Semana Galega de Filosofía.
A este respecto, a Aula Castelao considera que, mesmo nestas circunstancias, o papel da filosofía é necesario para enfrontar situacións como as que estamos vivindo no país.