Comezan nas redes sociais as actividades programadas pola Deputación polo Día do Libro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra iniciou esta fin de semana as actividades coas que conmemorará a celebración do Día Internacional do Libro, que se celebra o próximo día 23 de abril.
As circunstancias excepcionais derivadas do COVID-19 farán que a celebración sexa distinta, e por iso iniciarase a través das redes sociais da administración provincial, onde ao longo dos próximos días iranse compartindo desde os distintos perfís da institución ao redor de trinta citas de autores da literatura galega e universal.
Son frases, asegura a presidenta provincial Carmela Silva, que "xa forman parte da nosa vida, pequenas xoias que aparecen nos libros ou nas citas das túas autoras e autores favoritos, que te inspiran e te acompañan".
A Deputación convida ademais á cidadanía a compartir as súas citas favoritas e novas propostas de lectura a través do cancelo #adepocalectura.
A primeira das citas coas que a que se iniciou esta proposta corresponde a Miguel de Cervantes (Nalgún lugar dun libro hai unha frase esperando por nós para darlle un sentido á existencia), e ata o día 23 iranse colgando outras relacionadas sobre libros e lecturas de autores nacionais e internacionais como Jane Austen, Ana María Matute, Italo Calvino, Mary Shelley, Pablo Neruda, Virginia Woolf, Quevedo ou Isabel Allende), ademais de autores galegos como Fina Casalderrey, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Manuel Rivas ou Uxío Novoneyra.
O eixo central da semana do Día do Libro será o convite a participar nunha viaxe literaria a través de sete grandes obras da literatura universal de autores e autoras dos cinco continentes. Así por medio dun mapa virtual farase parada en autores de referencia como Rosalía e Cervantes coas obras 'En las orillas del Sar' e 'O Quixote' Harper Le e Gabriel García Márquez (cos libros 'Matar a un reiseñor' e 'Cen anos de soidade'); Mariama Bâ ('A miña carta máis longa'); Khaled Hosseini ('Cometas no ceo'); e Kate Grenville ('Sara Thornhill').
Por último autores contemporáneos compartirán coa cidadanía os seus libros de referencia a través dun vídeo que se colgará o día 23 na web da Deputación.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O confinamento non impide aos colexios celebrar o Día do Libro
Por Redacción |
-
Un festival de contacontos e recomendacións de lectura para celebrar o día do libro en Marín
Por Redacción |
-
A Biblioteca de Pontevedra e o Museo Massó súmanse ao Día do Libro online
Por Redacción |
-
Mes do libro e da cultura a través da Deputación online
Por Redacción |