A Biblioteca de Pontevedra e o Museo Massó súmanse ao Día do Libro online
Por Redacción
O próximo 23 de abril, Día Internacional do Libro, será outra das datas marcadas no calendario que axustará a súa celebración ás restricións ás que obriga o estado de alarma. Con tal motivo a Xunta de Galicia previu un programa de actividades que pretende fomentar a lectura e que van desde concursos a través das redes sociais ata a edición dun libro colaborativo. Actividades ademais que se enmarcan na iniciativa #aculturasegue do goberno galego.
A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola é unha das dotacións autonómicas que se suma a estas propostas, de forma que entre o 23 de abril e o 15 de maio ofrece na súa páxina web unha exposición virtual sobre 'Libros prohibidos' e na que se poderán ver títulos que foron censurados ao longo dos séculos.
Os museos tamén se suman á data e un dos exemplos é do Museo Massó de Bueu que pon en valor os libros incunables. Así, a través do seu blogue e desde o xoves 23 poderase observar o 'Liber chronicarum' impreso en Núremberg no ano 1493.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a Xunta toma parte do denominado bookcrossing; unha proposta de bibliotecas, museos e centros de arte nacionais mediante a que se deixan libros en lugares públicos, que os lectores recollen e volven deixar noutros emprazamentos. Dado que nesta ocasión as medidas de confinamento impídeno, previuse un bookcrossing virtual. Desta forma os centros participantes comparten online un libro para consultar ou descargar. A listaxe de bibliotecas participantes poderá verse a través da web da Biblioteca do Artium de Vitoria.
Relacionadas:
-
RADIO.- Propoñémosche un scape room virtual pola Rede de Espazos Museísticos do Atlántico
Por Marisa Ciordia |
-
As direccións de bibliotecas e museos dependentes da Xunta analizarán esta semana como reabrir as súas portas
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O confinamento non impide aos colexios celebrar o Día do Libro
Por Redacción |
-
Un festival de contacontos e recomendacións de lectura para celebrar o día do libro en Marín
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra apúntase aos retos das redes sociais e anima a recrear cadros
Por Redacción |
-
O XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín, aprazado ata despois do estado de alarma
Por Redacción |
-
Comezan nas redes sociais as actividades programadas pola Deputación polo Día do Libro
Por Redacción |
-
Percorridos en 360º e visitas a museos e monumentos para unha corentena moi cultural
Por Redacción |