Cultura de Poio investirá os premios en metálico de actividades suspendidas en axudar o sector artístico
Por Redacción
Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura no Concello de Poio, ten previsto que o diñeiro en metálico que ía destinarse a certames e a eventos que foron suspendidos con motivo da pandemia se invistan na dinamización do sector cultural e artístico.
Desde o goberno local de Poio queren establecer unha folla de roteiro para que, cando finalice o confinamento,se poida retomar a actividade co fomento de iniciativas nas que se poidan implicar autónomos e entidades, ademais de grupos que dependen da actividade cultural. Esta proposta será tratada na comisión de seguimento do Covid-19 que se desenvolverá este xoves.
A concelleira sinala, por outra banda, que continúa aberto o prazo para participar no "photocall" literario virtual que se promove con motivo da celebración do Día do Libro, este xoves. As persoas interesadas deberán publicar unha foto, relacionada con esta temática, mostrando a portada dun libro, lendo ou disfrazándose dalgún personaxe da literatura e compartíndoa nas redes sociais. É necesario cita ao espazo oficial Poio Cultura e utilizar o cancelo #poiolibro2020. As propostas gañadoras serán as que obteñan un maior número de "Likes". O premio consiste nun lote de libros.
DOAZÓNS
O Concello de Poio tamén recibiu un paquete de produtos alimenticios cedidos polas adegas Paco&Lola e Dis-Nieto. Os lotes conteñen máis de 700 litros de leite e preto de 200 litros de batidos, que pasarán a integrar o banco de alimentos de Servizos Sociais para repartir entre as familias con menos recursos. O Concello tamén agradece as achegas de leite e de produtos alimenticios realizadas polo Bar A Seca.
Ademais, a Universidade de Vigo entregou 450 máscaras de protección facial ao Concello. Trátase de parte das 4.000 que esta institución universitaria e a asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) reparten entre municipios e entidades. Estas máscaras destinaranse á protección das persoas que realizan labores en primeira liña.