A incerteza sobre a que 'surfea' o sector audiovisual
Por Marisa Ciordia
Os sectores culturais fan públicas os súas sinais de alarma ante a tesitura en que os deixou e colócaos o futuro da pandemia polo COVID19. A industria audivisual é unha delas. Da mesma vive Paula Cons Varela, pontevedresa de orixe e profesionalmente produtora executiva e directora de contidos de Agallas Films; ademais de guionista, directora e xornalista.
Un dos proxectos afectados é a estrea da súa primeira longametraxe. O thriller 'A illa das mentiras', que transcorre durante o naufraxio do Santa Isabel fronte a Sálvora en 1921. Estaba previsto para o 29 de maio. "Quedei sen estrea. Estamos afeitos á incerteza, pero non sabemos que imos facer, porque se máis adiante houbese que volver a medidas restritivas, non se sabe que ocos pode haber", explica, temendo que non poida ser ata 2021, xa que "por unha axuda pública que recibín, obrígame a estrear en salas de cinema", así que en plataformas é inviable.
"É un mazazo tremendo a todos os niveis"; a quen o estado de alarma pillou cunha película recentemente estreada "o investimento en márketing, tirada". Se foi durante unha rodaxe "a situación cos seguros está a ser complicada" e comezar a rodar "bota para atrás". É o seu caso cun proxecto que tiña para agosto en Sao Paulo "como vou mandar un equipo a Brasil vendo como están a actuar ante este tema? Nin de broma".
Paula Cons non se declara pesimista: "é a incerteza a que máis pesa. Fálase de esquecerse de esceas con multitudes ou con contacto físico, iso é imposible!. A tranquilidade chegará cando haxa unha vacina ou un tratamento; o mesmo que na exhibición nas salas. Mentres tanto intúo que rodaxes se tentarán atrasar o máximo porque para producións de orzamento medio é inasumible".
Hai moitas máis incertezas, como co sector técnico "porque se fala de reducir ao mínimo o persoal" ou cos propios actores, "están tamén perdidísimos, sei de actores que o están pasando francamente mal". Ou empresas privadas coas que había eventos patrocinados: "agora esas empresas van seguir estando?", son preguntas que se expón Paula.
As axudas están paralizadas. Dáse o paradoxo que o AGADIC ía publicalas o 17 de marzo "así que nos quedamos todos na casa de saída co pistoletazo". Considera que as administracións e institucións materializarán "polo menos o que xa estaba previsto facer" e engade que non todo ten que pasar polo diñeiro "hai medidas valentes como apoiar máis o noso cinema con campañas", pola parte pública e a privada.
Teletraballando e conciliando
Neste vacilante contexto, Paula Cons afirma sentirse afortunada "porque por agora estamos a traballar e nestes momentos é unha fortuna inmensa", teletraballa e concilia coas responsabilidades familiares. Está ocupada na montaxe do documental 'A 05': "un documental marabilloso, en primeira persoa, rodado durante once anos, de toda unha vida; hai algúns ocos, pero para amasar temos. O documental ía moi pegado ás Paraolimpiadas e como se atrasan chegamos con máis folgura; pero volvemos á incerteza de festivais ao que podería enviarse".
Nesta faceta documental xa emitiu en #0 de Movistar+ 'O futuro da mente' e foi seleccionado en DOCS Barcelona "para darlle maior difusión ou facer unha versión máis potente", con todo previra un evento co neurocientífico Rafael Yuste para presentalo en Madrid en xuño "pero iso xa voou", lamenta.
E outro elemento crave para o sector, o público, aos que Paula Cons require: "un dos sectores que está a axudar a manter a cordura é a cultura e cando se poida saír non nos esquezamos, vaiamos aos cinemas e sigamos enchéndonos de historias; ou de verdade que é o que contamos cos documentais".
Relacionadas:
-
'A illa das mentiras' de Paula Cons viaxa finalmente ao Festival Internacional de Cinema de Shanghái
Por Redacción |
-
RADIO.- 'A illa das mentiras' de Paula Cons estréase vía dixital o próximo 24 de xullo
Por Marisa Ciordia |
-
'El escándalo' da Fox News e dous elfos adolescentes queren chegar ao cine de Seixo esta fin de semana
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Estudan a fórmula máis axeitada para celebrar o festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
A Pontevedra Film Commission crea unha plataforma online para amosar o talento audiovisual galego
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara coa desbordante inquietude de Paula Cons
Por Marisa Ciordia |
-
O 'Titanic galego' navegará polos cines para recordar ás súas tres heroínas
Por Alejandro Espiño |