A música afianza os vínculos entre Caldas e municipios 'irmáns' de Colombia e Portugal
Por Redacción
A música axudará este mércores a afianzar os vínculos entre Caldas de Reis e os municipios de Villamaría (en Caldas, Colombia) e Caldas de Vizela (Portugal), cos que está irmandado. Entre todos, farán un 'Concerto de Irmandade' que se difundirá a través das redes sociais.
Trátase dunha iniciativa da Orquestra Sinfónica de Caldas que se organiza co apoio do Ministerio de Cultura de Colombia e coa colaboración da Gobernación de Caldas e logrou reunir nove gravacións de músicos da propia Orquestra dende as súas casas e dos concellos de Vizela e Caldas.
O resultado final é un concerto duns 45 minutos de duración que será transmitido a través das redes sociais dos tres concellos e da Orquestra. En Caldas de Reis a emisión realizarase a través da páxina de Facebook e da conta de Twitter do Concello de Caldas de Reis mañá, ás 22.00 horas.
De Caldas de Reis preséntanse tres pezas de música galega: 'Negra Sombra', interpretada ao piano polo profesor da Escola Municipal de Música, Arturo Rúa, e ao trombón polo mozo Caldense, Óscar Valiño; 'Alborada Galega', composta en 1880 por Pascual Veiga, que interpreta a moza de Caldas, Noelia González Rigo, coa tuba e o coruñés, Xulio Varela Carballeira, coa trompa; e 'O tren'.
En canto a esta última canción de principios dos anos 70, o grupo caldense Igloo estará acompañado coa gaita de Os esquimais do Salnés. Tocarán a peza de Andrés do Barro poñendo un toque de alegría á situación de confinamento pola pandemia do coronavirus.
O repertorio caldense é presentado pola cantante e directora de Radio Caldas, Estela Rodríguez Calvo, que anima a todos a gozar do concerto e a quedar na casa.
A concelleira de Cultura de Caldas de Reis, María López Buceta, destacou a creatividade e o talento dos mozos de Caldas que decidiron dedicarse profesionalmente á música, moitos deles formados inicialmente na Escola Municipal de Música, aos que agradeceu "o seu interese e esforzo por colaborar dende a casa neste proxecto transnacional".
O cónsul honorario de España en Manizales, Jonathan Ballesteros, salientou que este concerto da Irmandade é unha iniciativa cultural que serve para achegar máis aos tres municipios irmandados que teñen en común as súas augas termais, pero tamén a súa vontade de apoio mutuo en crises como a actual.
Relacionadas:
-
O irmandamento entre Caldas de Reis e Vizela reactivarase con intercambios xuvenís, deportivos, turísticos e empresariais
Por Redacción |
-
Regresa a Caldas de Reis o mercado dos luns para a venda de produtos agrícolas
Por Redacción |
-
Galicia, abocada a un verán sen verbenas: "É un desastre", afirman as orquestras
Por Alejandro Espiño |