VÍDEO.- Os 'Aturuxos ao vento' para o sector sanitario das Pandereteiras de Verducido
Por Redacción
Clara e Candela Fariña Castro xunto a Cecilia Tilve Solla conforman Pandereteiras de Verducido. Acaban de facer público, como elas saben, coa súa música, e coas limitacións físicas e materiais ás que obriga o confinamento, un agradecemento a todos os colectivos profesionais considerados esenciais nesta pandemia e en especial ao sector sanitario.
O tema leva por título 'Aturuxos ao vento' e pode verse no seu perfil de Facebook. A idea comezou nas datas de Semana Santa. Tanto a nai como a madriña de Clara son enfermeiras e "xa que todos os anos os meus padriños danme a Pascua, por que non facelo ao revés nesta ocasión?" lembra.
Así, aínda que a canción conleva ese agasallo particular, tamén quixeron facelo extensivo "a todas as persoas que están a traballar, loitando, para que o resto podamos seguir coas nosas vidas".
O acompañamento tivo que limitarse á guitarra, compuxo, puxo voz e consultou coa súa irmá Candela e con Cecilia, curmá de ambas "e que vive a cen metros, pero se non se pode saír pois hai que respectalo e non saír". Tamén tiveron ideas para a gravación e para editar o vídeo. Usaron imaxes de "momentos actuais, unhas amables e outras duras"
A intención que teñen as Pandereteiras de Verducido é que "cando se poidan celebrar actuacións, adaptala para tocala con todos os nosos instrumentos".
Estas tres novas, dadas as vinculacións profesionais na familia, están a coñecer de preto como está a vivir o sector sanitario esta pandemia. Se lles preguntas polo seu futuro na tesitura do sector musical, Clara Fariña responde que "vai ser complicado, e xa non é unha cuestión económica, é pola falta de contacto coas persoas que nos escoitan. Pero nada dura para sempre, volveremos saír e volveremos facelo o mellor que podamos e mesmo máis forte".
Ademais da súa faceta artística, as tres son estudantes. Candela estuda primeiro curso de Enfermería, polo que, por esta vía tamén está a coñecer en primeira persoa como vive esta profesión a crise sanitaria; Cecilia está en segundo de Bacharelato e afronta a preparación da ABAU e Clara este ano cursa terceiro da ESO. "Levámolo como boamente podemos" di a máis nova das Pandereteiras.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Músicos de Pontevedra únense para crear "Mañá", o "himno da recuperación" da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
O embalse do Pontillón de Castro acolle o II Encontro Veciñal
Por Redacción |
-
As Festas de Santiaguiño enchen de luz a noite do 25 de xullo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
RADIO.- Pandereteiras de Verducido, tres mozas pontevedresas con moita faísca
Por Marisa Ciordia |