O Museo propón xogar coa ‘vestimenta’ das súas obras de arte
Por Redacción
O Museo de Pontevedra propón unha actividade baseada nos xogos tradicionais para que os máis pequenos descubran como cambiou a indumentaria das persoas ao longo da historia. Esta nova proposta online fai un percorrido por diferentes épocas e aproveita unha ducia de pezas da institución de moi diferentes tipos: xoias, vestidos, complementos, e sobre todo, retratos, algúns deles de persoeiros vencellados coa historia da cidade de Pontevedra.
O percorrido histórico comeza co torque máis importante do Tesouro de Foxados, da Idade de Ferro, unha peza que amosaba distinción social. A continuación, explícase un retrato da Raíña Margarida de Austria, de 1607, que amosa á esposa do rei Filipe III retratada polo famoso pintor da corte Juan Pantoja de la Cruz levando as súas mellores galas: roupaxes bordadas, unha gorgueira de encaixe e xoias, entre as que destaca o colar real feito co diamante ‘Estanque’ e a perla ‘Peregrina’.
Tamén se explican as características dun broche de esmeraldas do século XIX; un retrato do contraalmirante Méndez Núñez de 1863, cando vivía no caserón da praza que leva o seu nome; un retrato de Joaquina de Osma y Zabala de 1897, muller do presidente do Consello de Ministros, vestida ao estilo do deseñador inglés de alta costura Frederick Worth; un parasol estampado de Caxemira; un retrato de Bernardo Martínez Bautista, indiano que viviu e faleceu na casa onde actualmente está o Café Moderno de Pontevedra; un reloxo de peto do século XIX; un vestido de 1920 de tea e abeloiros; un autorretrato do pintor Amadeo Suárez Couto de 1919 vestido co traxe tradicional galego; un bosquexo de muiñeira de 1860 de Dionisio Fierros que amosa, supostamente, unha voda galega con traxes de gala; así como un sapo de tres corpos habitual dos traxes de gala tradicionais en Galicia para as cerimonias.
Con todas estas pezas como inspiración, o equipo educativo do Museo deseñou unha serie de figuras recortables e coloreables con vestimentas, tocados e complementos para que os nenos fagan as súas propias creatividades. A proposta ‘Xogando coas bonecas recortables’ pode descargarse na web do Museo dentro do apartado Museo en familia.
Relacionadas:
-
As redes sociais do Museo de Pontevedra permitirán visitar as instalacións "a porta pechada"
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra reabrirá prorrogando as exposicións de 'Leopoldo Novoa' e 'Debuxantas'
Por Redacción |
-
O Museo organiza contos virtuais para os pequenos durante o mes de maio
Por Redacción |
-
Proba a facer pasatempos sobre a colección de Prehistoria e historia antiga do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
As librarías e os museos, os primeiros en abrir no sector cultural; cines e teatros terán que esperar
Por Alejandro Espiño |
-
Castelao é o protagonista do Día do Libro no Museo de Pontevedra
Por Redacción |