50 vídeos, 6.000 reproducións para bailar no confinamento ao ritmo do Grupo Rever
Por Redacción
Este domingo 3 de maio, o Grupo Rever, de Pontevedra, finalizaba a súa iniciativa consistente na publicación diaria dun vídeo musical nas redes sociais con diversos estilos musicais para animar ás persoas que se atopaban confinadas.
Un concerto en directo a través de Instagram servía como colofón a esta proposta do 'Vídeo Diario', que supuxo a publicación de 50 vídeos, que lograron 6.000 reproducións, 3.700 likes con 500 publicacións compartidas e 860 comentarios.
Miguel García, membro da agrupación, explica que esta actividade xurdiu a mediados do mes de marzo cando o goberno central decretou o estado de alarma e o Grupo Rever viuse obrigado a paralizar a súa actividade. Desta forma, ao longo, de máis de mes e medio foron publicando diferentes actuacións musicais e dedicando os vídeos a seguidores que estaban de aniversario coa intención de facer máis levadeira toda a situación provocada pola pandemia.
Agora, esa agrupación como outras moitas que se viron afectadas economicamente, estuda como adaptarse á "nova normalidade" para volver ofrecer actuacións en vivo e chegar a un maior número de público.