A Libraría Paz retoma a actividade no seu particular "annus horribilis"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cano Paz, propietario da librería Paz, deixa pasar a un cliente mentres outros fan cola na porta cumprindo co protocolo. A librería retomou a súa actividade este luns 4 de maio ao tratarse dun establecemento de menos de 400 metros. O pintor Antón Sobral foi o primeiro en entrar nesta reapertura na fase cero do confinamento.
Desde as redes sociais, o artista dicía "Temos que apostar polo apoio ás librerías. Ánimo Cano Paz. Voume contento para casa". A súa alegría contrasta coa preocupación do propietario, que ten ao persoal nun ERTE: "Mañá virá Xosé a botar unha man cos pedidos que temos e para a semana estou asustado porque non sei se poderei pagar á xente, que é o que me preocupa".
Cano Paz explica que o seu propósito foi que os traballadores da librería cobren o 100% do soldo, o Estado asume o 70% e a empresa o 30% pero ve dúbidas ante o futuro inmediato: "E se o mércores o PP non apoia o estado de alarma e se acaba o ERTE?", pregúntase o empresario.
Este 2020 converteuse no ano máis difícil desta histórica librería de Pontevedra, especializada en cómics e novelas gráficas. O 8 de xaneiro a rotura dunha tubaxe provocaba unha inundación na rúa que terminou entrando no local e causando danos en libros por valor de 25.000 euros. E sen recuperarse daquel fatal incidente, agora con estes case dous meses de peche atópanse nunha situación límite.
"Levamos dous meses sen facturación. Pagamos xa todas as facturas atrasadas pero a partir dagora terei que facer chamadas porque as editoriais non poden seguir o ritmo de ata agora", apunta Cano Paz que sinala que polo menos durante estas semanas recibiron pedidos a través do correo electrónico. "Hai xente nesta cidade que nos quere ben", recoñece o libreiro.
A librería Paz estableceu un horario de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. Recoméndase que os pedidos se realicen a través do correo librariapaz@gmail.com indicando o número de teléfono ao que chamarán para ofrecer información sobre o día en que se poderá recoller no local situado na rúa Peregrina.
Relacionadas:
-
Paz retoma os seus eventos culturais cun vermú con Iria Pinheiro e María Lado
Por Redacción |
-
Kiko da Silva pide exencións fiscais para os autores: "Non vai haber curro ata 2021. De que se vai vivir?"
Por Anxo Lourido |
-
Arránxeme isto, señor peiteador
Por Manu Otero |
-
A Libraría Paz volve á actividade tras o asolagamento e o sábado contará coa presenza de Méndez Ferrín
Por Redacción |
-
A rotura dunha tubaxe na rúa Peregrina provoca graves danos en establecementos do centro da cidade
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |