O festival SonRías Baixas aprázase ata o verán de 2021 mantendo a Kase.O como cabeza de cartel
Por Diego Espiño
A crise sanitaria levouse por diante a outro dos festivais musicais con máis seguidores na comarca, o SonRías Baixas de Bueu que este mércores confirmou que apraza a súa 18 edición, prevista inicialmente para os próximos 30 e 31 de xullo e 1 de agosto.
"A evolución da crise sanitaria sen precedentes que estamos a padecer e a indefinición nas medidas que deben aplicar os festivais musicais na 'nova normalidade' para garantir a seguridade do público asistente, dos artistas e do resto das persoas que traballan nun evento destas características obrigan a organización do festival de Bueu a pospoñer o seu 18 aniversario aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021", sinala a organización nun comunicado.
Ademais fixérono asegurando a continuidade no cartel dun dos anunciados como pratos fortes este ano, o rapeiro Kase.O, que se manterá como un dos seus grandes atractivos en 2021.
En canto ao resto de artistas confirmados no seu momento non poden garantir que o programa sexa idéntico ao previsto, pero negóciase a súa continuidade no cartel. Todos eles, asegura o SonRías "están a mostrar a súa predisposición para adaptarse ao novo calendario".
Ska-P, Rayden, El Kanka, El Drogas, Arco, JazzWoman, Alamedadosoulna, Maurino, Oques Grasses, The Skarnivals, Galician Army, Sara Hebe, Desakato, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra completaban a nómina de artistas para 2020.
As entradas xa compradas para 2020 serán válidas para o SonRías Baixas 2021, confirman os seus responsables, que ademais adiantan que as persoas que decidan conservalas recibirán unha compensación pola súa fidelidade xa que “se conservades a vosa entrada, axudádesnos a sobrepoñernos nun momento de gran dificultade e dádesnos forzas para seguir soñando para vós tres días e tres noites inesquecibles de música, praia e sorrisos".
En caso de conservar a entrada, ante a posibilidade de que máis adiante sexa imposible acudir, habilitarase a opción de cambio de nome un par de meses antes do evento, coa opción de cedela ou regalala a outra persoa.
Pola súa banda os que non queiran ou non poidan conservar os seus tickets, poderán solicitar o reembolso íntegro ata o luns 8 de xuño, momento no que se comezará coas devolucións.
"Lamentamos moitísimo os inconvintes que esta situación póidavos causar”, asegura o festival, "pero a saúde do noso público, dos artistas e do resto das persoas que colaboran co festival é o máis importante para nós. Sodes a nosa familia. Traballamos todo o ano para poder compartir convosco tres días e tres noites de música, de praia e de amizade, o festival que a nós gustaríanos gozar como público. Non poder facelo este ano pártenos o corazón", explican no seu comunicado o Sonrías Baixas, que o pasado ano foi capaz de congregar en Bueu a 22.065 persoas.
Relacionadas:
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Acústicos de Rayden e Arco para o MicroSonRías, a alternativa ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Os Rías Baixas Fest organizarán microconcertos nos meses de setembro e outubro
Por Oskar Viéitez |
-
SonRías Baixas reconverte as súas festas de presentación en concertos nas redes sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Ska-P, Rayden e El Kanka pechan a oferta musical do SonRías Baixas 2020
Por Alejandro Espiño |
-
O SonRías Baixas incorpora a El Drogas e Sara Hebe ao cartel da súa edición de 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Desakato, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra, novidades para o SonRías Baixas
Por Redacción |
-
O SonRías Baixas 'ficha' o rapeiro Kase.O para a súa edición de 2020
Por Alejandro Espiño |