Paula Cabaleiro, nova directora para a área de Cultura da Deputación
Por Oskar Viéitez
Paula Cabaleiro Comesaña é a nova directora para a área de Cultura da Deputación de Pontevedra. Así o anunciou este venres en rolda de prensa a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, nunha comparecencia telemática na que tamén participou o novo alto cargo.
"Para configurar unha identidade propia no servizo decidimos crear un posto de dirección", asegurou Silva, polo que a Deputación de Pontevedra sacou a concurso esta praza de persoal directivo profesional con rango de alto cargo.
Este tipo de postos están reservados a persoal funcionario e laboral das administracións públicas, así como a profesionais do sector privado con acreditada experiencia na dirección, comisariado ou coordinación de proxectos, plans ou programas culturais no sector público, como é o caso de Paula Cabaleiro.
Ao concurso desta praza presentáronse 8 candidaturas, aínda que unha quedou excluída por estar fóra de prazo. "O órgano de selección, exclusivamente técnico, seleccionou por unanimidade o proxecto de Paula Cabaleiro", sinalou Carmela Silva. Foi nomeada o 15 de maio.
Paula Cabaleiro é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, especializada en xestión desde o comezo da súa carreira profesional "unha muller sobradamente coñecida e recoñecida no mundo da cultura", valorou a presidenta.
"É unha muller que traballa por visibilizar ao resto das mulleres da arte. Vai dar un impulso a unha área que é unha prioridade", engadiu Carmela Silva, que se mostrou "moi orgullosa" pola "alegría" que para ela supón esta incorporación.
Nesta presentación Paula Cabaleiro agradeceu o "recoñecemento" á súa traxectoria e a "confianza" depositada nela para exercer un cargo que asume "coa maior ilusión e respecto".
A nova directora de Cultura da Deputación avanzou que vai centrar o seu traballo en "configurar unha identidade propia nesta área de Cultura" con "catro eixos fundamentais de actuación": promocionar os recursos culturais e patrimonio histórico artístico, desenvolver a oferta cultural propia, promoción do patrimonio intanxible e recuperación da memoria e, finalmente, apoio á creación cultural contemporánea.