O sector da música e o baile tradicional demanda axudas económicas que sufraguen as perdas causadas polo estado de alarma
Por Redacción
Máis de 20.000 persoas en Galicia atópanse relacionadas con asociacións que promoven a música e o baile tradicional galego, que tamén se viu duramente afectado polas consecuencias de crise económica derivadas da pandemia da Covid-19.
Desta forma, 300 colectivos dedicados a estas actividades en Galicia uníronse para reclamar á Xunta de Galicia medidas urxentes, que non se contemplan no Plan de Reactivación para os Sectores Cultural e Turístico proposto pola administración autonómica.
De maneira inmediata piden axudas económicas que sufraguen as perdas causadas polo estado de alerta actual para todas estas Asociacións Culturais. Reclaman tamén manter as distintas liñas de axudas, convenios e subvencións para o sector da cultura tradicional nas administracións públicas cun período extraordinario de modificación para reformular as propostas. Ademais, solicitan que se garanta o acceso aos locais de ensaio para manter a actividade das asociacións coas medidas sanitarias necesarias.
Para unha segunda fase, que se iniciaría cando finalice o estado de alarma, estes colectivos liderados pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s e pola Federación XOC queren que se cre unha plataforma que ofreza cabida a todo o sector tradicional para velra polos seus dereitos e cubra necesidades. Solicitan que se implementen medidas de promoción deste sector e crear un plan de subvencións para a contratación de profesorado que permita regular a súa situación laboral.
Tamén insisten na creación dun plan de axudas económicas para as asociacións coa idea de que se fomenten eventos artísticos e formativos, ademais de poñer en marcha un Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega, que recolla datos económicos e sociais deste sector. Por último, estas entidades reclaman á Xunta que se promovan proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial nas institucións públicas ou privadas.
Entre estas agrupacións demandantes de axudas atópanse O Trevo de Meis; As Espiñas de Caldas; Os Xirifeiros de Carril; Os Mecos de OGrobe ou Veira do Río de Ponte Sampaio.