Guadi Galego e Xabier Díaz darán en Pontevedra "o primeiro concerto deste novo mundo"
Anotade a data nas vosas axendas. Sábado 4 de xullo, ás oito da tarde. É o día elixido para que Pontevedra acolla "o primeiro concerto deste novo mundo", tal e como destacaron os artistas que o protagonizarán: Guadi Galego e Xabier Díaz.
Dous referentes da música galega actual uniranse para ofrecer un concerto que pretende "activar un efecto dominó", segundo sinalou Guadi Galego, e demostrar que é posible organizar espectáculos con todas as medidas de seguridade e hixiene que require a situación.
"Queremos pulsar como podemos funcionar nesta nova etapa", sinalou a artista.
Ambos tiñan previsto ofrecer concertos en Pontevedra -Guadi Galego no ciclo Voices (outubro) e Xabier Díaz en As Matinés do Principal (maio)- pero o coronavirus truncou os seus plans. Agora, presentarán os seus respectivos novos discos nun concerto conxunto.
Iso si, non haberá interacción entre eles porque, explica a artista coruñesa, é "practicamente imposible" xa que o cambio de escenario "leva moito tempo". A pesar diso, ambos garanten que "ímolo a dar todo" nesta cita co público pontevedrés.
O concerto celebrarase na chaira do Pazo da Cultura, cun aforo limitado a 600 persoas. Haberá un escenario máis grande do habitual e todo o público estará sentado para garantir que se manteña a distancia de seguridade entre os asistentes.
Guadi Galego explicou que a COVID-19 pillouna "a metade de xira" de presentación do seu novo disco, Immersión. O de Pontevedra ía ser o seu último concerto. "Non sabía que ía a pasar ou se o país estaría preparado", engadiu, para retomar certa normalidade cultural.
A este respecto, a artista celebrou que Pontevedra, á que se referiu como a "cidade cultural por excelencia de Galicia por moitos motivos", dese o paso de organizar este concerto, ao que ela acudirá coa súa banda habitual, formada por sete músicos.
Xabier Díaz, pola súa banda, tamén se mostrou "moi emocionado" por actuar en Pontevedra, cidade que "me deu a miña primeira oportunidade" ao comezo da súa carreira e que agora se converteu de novo "nun punto de inicio" na súa traxectoria.
No seu caso, o parón polo coronavirus non lle puido chegar en peor momento. Sacou o seu novo disco coas Adufeiras do Salitre, As catedrais silenciadas, en marzo e xa non puido presentalo en directo en ningún sitio. "A miña axenda está en stand-by", lamentou.
"Pontevedra será a premiere do disco", sinalou Xabier Díaz, que afirmou que "estou emocionadísimo de facelo aquí" e compartilo con Guadi Galego porque lembrou que ambos ofreceron en Pontevedra, en agosto de 2017, o seu último concerto xuntos.
A edil de Cultura, Carmen Fouces, explicou que o estado de alarma pola COVID-19 obrigou ao Concello a reorganizar toda a súa programación cultural, pero destacou que na medida do posible optouse por non cancelar os espectáculos previstos senón redefinilos.
Así, Fouces garantiu que este concerto celebrarase "con todas as medidas de seguridade e hixiénicas" recomendadas polas autoridades sanitarias. A maiores, apelou ao "autocuidado" do público e á súa responsabilidade "para que todo vaia ben".
"Está todo organizado e feito a medida", defendeu a responsable de Cultura, que avanzou que a próxima semana tamén se retomará a actividade expositiva do Pazo.
As entradas para o concerto de Guadi Galego e Xabier Díaz xa están á venda, a través da plataforma Ataquilla.com, a un prezo de 18 euros. Haberá unha bonificación do 20% para as persoas desempregadas.
Relacionadas:
-
Ele, Manel, SÉS e Carlos Núñez actuarán en Pontevedra no último trimestre do 2020
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- O primeiro concerto da nova normalidade esgotou as entradas na Explanada do Recinto Feiral
Por Cristina Saiz |
-
Á venda as entradas para o concerto de Xabier Diaz e Guadi Galego no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
O espazo público da cidade de Pontevedra xogará un papel fundamental na recuperación da actividade cultural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Manel, Xabier Díaz e Ele, tres propostas "de primeiro nivel" para as Matinés do Principal
Por Alejandro Espiño |
-
The Jayhawks e Guadi Galego únense a Quique González no ciclo Voices
Por Alejandro Espiño |