Como explicarlle a unha persoa maior que é o poliamor?, e a un neno que é a anarquía relacional?, e a unha persoa nova ou adulta que tamén é positivo fracasar no amor?. Para todo iso ten respostas Pablo Piñeiro, un meañés fincando en Madrid, con máis actividades que caras un decaedro.
Home deportista que practicou balonmán, atletismo, fútbol sala e sobre todo fútbol; logo coñeceu o teatro e espertouse a súa faceta de actor, é tamén modelo, presentador, monitor, emprendedor e especialmente neste Cara a cara, escritor.
En 2017 publicou xunto a Hugo Sanmartín 'De tu corazón a mi libro' unha recompilación de historias de amor - aínda que a conclusión é que foron eminentemente de desamor - que durante meses estiveron a gravar entre persoas voluntarias de toda España que quixeron contarllas. Agora 'Lo positivo de fracasar en el amor' é resultado da súa propia experiencia vital.
"Deconstruí a palabra fracasar para que sexa como unha lección, unha oportunidade para facer inventario do que ocorreu e de aí facer algo satisfactorio persoalmente", no amor como en calquera ámbito da vida. Ao tempo fai unha alegación á rebelión do socialmente establecido en canto á forma de relacionarse, sexa afectiva como sexualmente.
Na súa cabeza non estaba escribir este libro ata que a editorial Penguin propúxolle facelo atrapados polo impacto e atención que tivo a súa charla TED. Como explica en PontevedraViva Radioestá a tocarlle promocionar este libro nun novo contexto, o do mundo que convive coa COVID-19 e "está a ser moi tolo" porque todos os esquemas que fixera previamente, saltaron polo aire.